«Non vou ir de vacacións» 

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

Elena Candia divide o tempo entre Mondoñedo, onde é alcaldesa, e Lugo, onde preside a Deputación: «Temos previsto reducir os coches oficiais»

28 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Quen foi a primeira persoa que a felicitou tras ser investida alcaldesa e presidenta?

O primeiro en felicitarme tras ser investida alcaldesa foi o exrexedor Orlando González. Na Deputación, foron os meus compañeiros de partido e, por teléfono, José Manuel Barreiro.

¿Cal foi a súa primeira ocupación en cada un dos seus novos cargos?

Horas despois de ser proclamada alcaldesa acudín á misa do sábado, previa á Ofrenda do Antigo Reino. E, como presidenta da Deputación, reuninme cos traballadores da institución e acudín á comida da cooperativa Icos.

¿Cal foi a primeira decisión que tomou xa á fronte de ambas institucións?

Na alcaldía tomei a decisión de trasladar o Centro de Interpretación do Camiño ao Centro Cultural da Alcántara, ademais de organizar algúns servizos, como o da limpeza. Como presidenta tiven que tomar a decisión de adiar a data dunha actuación musical por unha cuestión de trámite, ao estar sin concluir o proceso de contratación. 

Agora que ten dous despachos, ¿fixo cambios nalgún deles?

No que respecta ao despacho da alcaldía de Mondoñedo, coloquei unha foto de miña avoa e xa o empecei a encher de papeis. Gústanme os despachos que son cómodos para traballar e haberá que cambiar a mesa a unha zona con máis luz. No tocante ao despacho da presidencia, tamén exquisito, quero empregar a mesa da presidencia máis como mesa de traballo e non tanto para recepcións.

¿Con quen mantivo a primeira entrevista de traballo?

Como alcaldesa de Mondoñedo mantiven a primeira reunión de traballo co xerente do Xacobeo e tamén cos traballadores municipais. E, como presidenta, cos traballadores da Deputación e, fóra do Pazo de San Marcos, coa conselleira de Medio Rural, con quen compartín o acto da cooperativa Icos, e con quen aproveitei para abordar algúns asuntos deste departamento que afectan á provincia de Lugo.

¿Irá de vacacións este verán?

Non vou ir de vacacións.

¿Será complexo compaxinar ambos cargos?

Entendo que  ambos cargos requiren dun traballo en equipo. Hai que pensar que no Concello de  Mondoñedo somos seis os concelleiros que formamos parte do equipo de goberno e, na Deputación Provincial, somos outro equipo de traballo de 12 persoas. Somos 17 persoas para ambos traballos.

Acapara estes días gran protagonismo, ¿está lista para ser a salsa de todos os guisos?

Supoño que só será estes días. En Mondoñedo hai un equipo de concelleiros e hoxe (por onte) imos facer pública a distribución das áreas de traballo da Deputación. 

¿Vivirá en Mondoñedo ou trasladarase a Lugo?

Sigo vivindo en Mondoñedo.

¿Empregará vehículo oficial ou usará o seu particular?

Temos prevista unha redución do uso de coches oficiais. Creo que son un instrumento importante porque a provincia ten unha gran extensión, pero, sin demagoxias, creo que hai que reducir. Teño previsto usar o coche oficial e tamén o meu particular.

Coas funcións da alcaldía e da presidencia da Deputación, ¿quedaralle tempo para desfrutar das súas afeccións?

Cáseque se me estaba esquencendo, pero supoño que algo de tempo si quedará para ler, para saír a pasear..

Vostede era unha asidua das praias da Mariña. Agora con novos cargos, ¿cambiará de destino?

Era e son unha asidua das praias de Barreiros, como a praia das Pasadas, aínda que teño que recoñecer que non sempre vou á mesma. Cando era nena teño ido coa familia ás praias de Foz.