«Un lugar que ten a tradición de Mondoñedo ten carácter especial»

MONDOÑEDO

Sinala que Cunqueiro é a «locomotora» de varias xeracións de escritores

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) visitaba a súa cidade natal non hai moito con motivo da recuperación dunha obra de Daniel Pernas Nieto e a ela volta, máis alá do apego personal, para introducirnos do Mondoñedo literario, unha publicación que edita a Deputación Provincial de Lugo.

-¿Cando será a presentación?. Imaxino que en Mondoñedo.

-Presentarase en breve. Sendo da temática que é, creo que si será en Mondoñedo. Unha das cousas que máis simpatía me causan é que é un produto xenuinamente mindoniense porque todos aqueles dos que falo son mindonienses de berce ou adopción: o que fai a cuberta (Xosé Vizoso) é mindoniense, eu tamén o son, e ata o autor da miña foto de lapela, Marcos Candia, tamén o é.

-A verdade é que Mondoñedo é todo un berce de grandes persoeiros e non só literarios.

-Mondoñedo ten unha tradición cultural e artística moi grande, con persoeiros destacados de distintos ámbitos, dende mariños descubridores como Seixas y Lobera do século XVII ata grandes músicos como Pascual Veiga ou persoeiros benefactores das artes e das ciencias da imprenta como Fray Antonio de Guevara. Un lugar que ten esa historia e tradición necesariamente posúe un selo, un carácter especial. No libro está primeiro a plana maior, os grandes espadas da literatura galega de finais do século XIX e do XX e outros que con peso e proxección sumaron. Arrinco con Leiras Pulpeiro, pai da tradición literaria moderna, e cunha especie de irmán menor seu, Noriega Varela, e xoias da coroa da literatura da pre e posguerra como Álvaro Cunqueiro, Jácome, Ricardo Pedreira, Lence-Santar que é unha especie de bisagra entre Noriega e Cunqueiro e despois outros autores que transitaron polas últimas décadas do século XX coa sua produción, como Marina Mayoral, a voz que máis soa hoxe fóra de Mondoñedo, e outros como Ruiz Leivas, César Cunqueiro, Luis E. Cabanela, Antonio Reigosa, Félix Vilares, Antón Meilán, Francisco Piñeiro, Xe Freyre... ata os máis novos, como Isabel Morán Cabanas, porque tamén hai mulleres e están incorporadas, ela é a ultima historiada.

-Xa tiña feita algunha obra vencellada a escritores locais.

-En 1998 escribín Escritores mindonienses. Foi un título que coeditou o Concello de Mondoñedo coa Sociedade Cultural Valle-Inclán de Ferrol. Hai que dicir que se esgotou hai xa tempo, así que había amigos que me pedían unha actualización, poñelo ao día, porque ese libro, amasi de como fonte de consulta para investigadores, tamén se utilizou como agasallo municipal para visitas, de aí que pronto non ficasen exemplares. Xosé Ruiz Leivas, presidente da Asociación Amigos de Mondoñedo, foi o que me fixo a petición expresa. Un día tentoume: ?Armando, quero que me fagas un libro disto?. ?Case que non me podo negar, sendo mindoniense?, pensei. Así que xuntei moitos escritos publicados ao longo de vinte e tantos anos en revistas, xornais, distintos medios, incluso algún na rede... eran ensaios breves, de diversa natureza, como entrevistas ou artigos ou semblanzas ou crónicas de efemérides... Todo ese material disperso, heteroxéneo, foi compilado, agrupándoo por capítulos. Por iso no último deste libro engado unha «Varia silva mindoniense», porque tamén hai traballos que non versan só sobre un autor. Incluso hai un apéndice bibliográfico con outros traballos meus que non incluín no libro e que xiran arredor da mesma temática. Para quen queira ter unha visión do que foi a literatura mindoniense dos últimos cen anos, Mondoñedo literario é un volume de convite.

-¿Con que autor se quedaría?

-É como se se lle pregunta a unha nai con que fillo se queda. Todos me doen. Pero se tivera que escoller un só, quedaría co que nos quedamos todos porque é a locomotora, a xoia da coroa: don Álvaro. É unha devoción. Pero sen ningún desmérito para o resto, que son clásicos. Mondoñedo non sería o mesmo sen el, como foi Joyce para Dublín. Pero hai unha pleiade de voces que merecen toda a atención e cariño.

armando requeixo autor de «mondoñedo literario» que edita a deputación de lugo