«O de dicir a Palabra é cousa de devoción, eu son crente»

MONDOÑEDO

Vixiante de recursos naturais, actor e, os domingos, substituto do cura

03 mar 2015 . Actualizado a las 14:19 h.

Antonio Xesús Lorenzo López, «Cachín», como o coñecen os veciños en Alfoz, leva case un ano Celebrando a Palabra. Para entendernos mellor, «substitúe» algúns domingos ao párroco, sobrecargado de traballo.

-¿Quen lle propuxo esta tarefa?

-Realmente, como o cura ten certa idade e leva oito parroquias, comentoullo a unha freguesa e logo díxomo a min. Así foi a cousa.

-¿Como o leva?

-Ben, con moita alegría e devoción e con gañas de seguir. Hai dúas persoas que me axudan, Dora Tallón e Anna Mercedes Geada. En realidade en San Pedro de Mor somos tres, eu que presido, e Dora e Anna, e en Frexulfe está Mari Carmen Mandiá. Temos o mesmo cura, Don José Antonio Llenderrozos.

-Vostede é moi polifacético

-De profesión son vixilante de recursos naturais, de afección teño o deporte, xoguei ó fútbol e ó fútbol sala e practico footing e ximnasia de mantemento e logo está o teatro, facer comedias cun grupo de amigos. O de dicir a Palabra é cousa de devoción, eu son crente. Fixemos un cursiño de Cristiandade no Seminario de Mondoñedo. Fomos Dora e eu, comentoume o de facer a Celebración da Palabra, de botar unha mao...

-¿Como se organiza?

-O cura danos un folletiño con oracións e déixanos a lectura do domingo; é un libriño feito en Cataluña e imos facendo. É sinxelo. Non teño problemas. E logo organízome cos turnos de traballo. A Palabra toca cada 15 días e cando me coincide co traballo cámbiolle o turno ao compañeiro.

-¿San Pedro é a súa parroquia? ¿Como o acolleron os veciños?

-Si, eu digo a Palabra na miña parroquia. Ó primeiro foi unha novidade. Agora ben, veno normal

-¿Baixa a asistencia cando non está o cura?

-Bueno, sempre hai algo máis de xente co cura. É normal, as misas están ofrecidas polas familias e cando vai ó Castro a xente vai alí. Loxicamente, a misa do cura é a do cura, pero vai habendo xente. Estamos contentos e con intención de seguir. Na igrexa pode haber más de vinte persoas, depende.

-En realidade, a única diferenza é que non consagran ¿Non?

-Si, podemos dar a Comunión, pero xa deixa consagrado o cura, o resto é igual. Non nos poñemos no altar, senón ao lado, facemos a celebración ó lado, excepto no rezo do Pai Noso, e estamos coa nosa roupa.

Antonio X. lorenzo López «cachín» actor e seglar, di a palabra en alfoz