«Hai situacións que doen moito máis que os resultados»

I.M.B.

LOURENZÁ

XAIME RAMALLAL

O adestrador do Lourenzá desvela que xa ten unha decisión tomada sobre o seu futuro e confésase optimista para o decisivo treito final do campionato

06 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O sorriso do fútbol mariñán na pasada xornada de Primeira Autonómica púxoa o Lourenzá, que esnaquizou ao Páramo (4-0) para deixar unha nova mostra da súa recuperación. «A crise de resultados xa está esquecida», sinala Roberto Ramallal, o adestrador dun conxunto albivermello que nas derradeiras cinco xornadas puntuou máis que nos catro meses anteriores.

-¿Como explica isto?

-A explicación é bastante fácil. Temos potencial suficiente para acadar a permanencia dunha maneira holgada sempre e cando nos respecten as baixas, xa que a plantilla é curta e con postos específicos collidos con alfileres. E non foi o caso. Durante moito tempo foinos imposible armar onces competitivos. Nestes momentos non é que esteamos sobrados de xente, pero nas alineacións non hai moitos xogadores fóra de sitio. Así é máis fácil competir.

-¿Pasouno mal?

-Por suposto, pero non pola falta de trunfos. Hai situacións que doen moito máis que os resultados, como o feito de saber xa o luns que once vas quitar o domingo ou non atopar no banquillo homes de refresco para facerlle dano ao rival. Tamén o pasei mal polos rapaces, posto que moitos deles están moi comprometidos, non implicados, que non é o mesmo, co fútbol e co club.

-Neses momentos difíciles, ¿pensou en abandonar?

-Estiven a piques de deixalo. Non polos resultados, senón por un problema interno no club que afortunadamente se solucionou, e decidín seguir porque non lles podía fallar a este grupo de xogadores, a esta directiva e a esta afección.

-Teñen 29 puntos e só quedan cinco xornadas. ¿Máis ou menos é esta a situación que imaxinaba ao principio de liga?

-O noso obxectivo inicial era chegar a estas alturas do campionato con opcións de salvarnos e aí estamos, en boa disposición. Son optimista, moi optimista, xa que afrontamos o treito final cunha boa inercia e xogaremos na casa tres deses cinco encontros. Creo que poderiamos rematar con catro equipos por detrás e dese modo a nosa permanencia non correría perigo. Aìnda deixando só tres teriamos moitas opcións.

-¿A súa continuidade no Lourenzá dependerá do que pase de aquí a final de liga?

-Teño que dicir que me sinto moi querido en Vilanova. Polos xogadores, pola directiva, pola afección... Xa teño una decisión tomada sobre o meu futuro.

-Pero non a facerá pública, claro.

-Por supuesto que non. Non é o momento. Agora o que nos ocupa e preocupa, como dicía o periodista José María García, é o próximo partido.