Maio florido

SUSO FERNÁNDEZ OPINIÓN

FOZ

27 abr 2015 . Actualizado a las 13:26 h.

Como a meniña tola/

que sae por vez primeira/

con dengue e muradana/

para a festa do lugar;/

así, xentil e aposta/

vai vindo a Primaveira,/

guirnalda de craveles/

verquendo ó seu pasar...»

Curros Enriquez: A Primaveira.

O rei da primavera é o mes de maio, nome que procede de «Maia», nai de Mercurio, deus que representa o trunfo da vexetación, o «mes das flores». En maio remátase de sementa-lo millo, e cando se facía na última finca dunha casa, poñíase no medio, cravada, unha gran rama de xesta en flor; era «poñer o ramo ó maio». O mes era saudado pola galanura das súas flores: «Velaí ven o maio cargado de flores; detrás ven San Xoan que as trae mellores».

Tempo de sol

Entramos en maio; é tempo de sol, necesario da auga da chuvia que empuxa o paso da flor ó froito.A maio refírense unha chea de refráns e ditos referidos á bondade da auga : «esperada como auga de maio», dise cando se anhela algo. Acontece a apoteose florida da vida, escoitanse os últimos cantos do cuco e os primeiros do grilo, pregoeiros do «tempo claro», bó agoiro entre as xentes do rural: significa amor, fartura, bó tempo.

Comezan as festas do ramo florido. A flor como insignia de vida, porque no ciclo será froito e novamente semente. «Os maios» son unha das festas mais populares do ciclo anual. Aproveitando os froitos que da a natureza apreciase a creatividade das xentes nas composicións florais, ou nas coplas que acompañan ós maios, fundamentais na escenificación da celebración, de orixe prehistórico, cubertos de polas e adornados con flores e vexetación.

Mes do amor

Maio é o mes do amor, o mes verde e florido. Amor, vexetación e festas interreleaciónanse entre sí: «Aí ven o maio florido e galán/ tódalas rapazas amores lle dan» (Alvaro Cunqueiro); festas e ritos que sempre se acompañan con cánticos e coplas, xeralmente de carácter irónico, das que a literatura popular garda numerosos exemplos. En Galicia os maios teñen a súa mais xenuina representación en Ourense.