«Facer de Pandora é un reto para min»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

BURELA

Rosalía Castro, nunha escea de «La primera mujer en la tierra» que agora representa en Madrid.
Rosalía Castro, nunha escea de «La primera mujer en la tierra» que agora representa en Madrid.

A actriz burelense vai facer fronte a outro papel este sábado, na súa terra, pregoeira e a moita honra

25 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz burelense Rosalía de Castro encarna a Pandora en La primera mujer en la tierra, una obra de teatro en formato de monólogo na que o dá todo sobre o esceario. Outro un tanto especial ao que suba este sábado vai ser o da Casa da Cultura de Burela para dar o pregón das festas.

-A función represéntase agora en Madrid pero virá a Galicia.

-Vou a Burela con ela o vindeiro 17 de xuño e ao Teatro Colón de A Coruña o 25 de novembro.

-¿Que lle está a aportar Pandora?

-Comezou como un reto que me propuxen como actriz, no que me arrisquei a facer un traballo eu soa. Estás soa co teu corpo e a túa cabeza e o público, pondo toda a carne no asador. Estou aprendendo de min mesma, de feito non sabía que tiña tantos rexistros pois nesta obra paso por varias etapas. A Pandora danlle a inmortalidade e son varias mulleres nunha. Hai moitas cores.

-Algo parecido ao que ocorre na vida dunha muller, altos e baixos, etapas diferentes...

-A historia é coller este mito que abreu a famosa caixa e desatou os males ao mundo para explicar que a culpable non é ela nin o foron as mulleres ao longo da historia, porque buscando en todas as relixións ou case todas as poñen como as malas. Ela dáse conta e vaise vendo como evoluciona a muller, vai evolucionando ela. Dille á humanidade ?non son a culpable eu, sodes vosoutros coas guerras, a pobreza...?

-¡Aínda haberá tamén quen lle bote a culpa da corrupción!

-Hoxe lévase moito o de botar as culpas a outros. Moitos espectadores se quedan identificados, tanto homes como mulleres, na obra. De feito, nunha función con cento e pico persoas, moitas mulleres me paraban ao final para dicirme ?como me emocionaches? ou ?pasoume algo parecido...? pois tamén tocaba temas coma o dos malos tratos. Sobre todo cando chega a parte presente, á Pandora de hoxe en día, é cando a xente xa se nota máis identificada.

-Coma Pandora, ¿gustaríalle ser inmortal?

-Pois non, a verdade. Penso que se me concedesen a inmortalidade igual non disfrutaría tanto da vida. Diso falo tamén, ela envexa aos humanos porque pensan que cada segundo pode ser o último e o viven a tope. É máis interesante que deixarte levar.

-Vexo que Pandora está a ser un punto clave na súa carreira.

-Pandora está sendo un punto de inflexión, si, sobre todo por contar algo que me apetecía facer, sobre un texto de David San Juan que trata temas importantes, e coa axuda do meu director, Germán Torres... aínda que a que está enriba do esceario son eu.

-¿Pasa momentos de estrés?

-Póñome algo nerviosa antes de empezar pero é empezar a falar e pásaseme todo. Non o paso mal, é coma unha viaxe. Cando remato sinto o subidón, a adrenalina, coma un atleta, canso pero eufórico. Logo tomamos un viño ata que se me pasa e vou para a casa, onde me da o baixón.

-E nuns días, pregoeira...

-Estou moi contenta. Collo o sábado un avión e vou directa a Burela. Chego, como, durmo a sesta e a dar o pregón, con moita lusión porque me parece interesante que llo pidan a xente nova e dedicada á cultura. Pareceume chulo, ademáis de que me gusta moito escribir. Falarei das miñas raíces e de que me encanta Burela.

-¿Ten ?burelitis??

-A veces si. Pásame moito co tema do mar, a comida, a familia...

-¿Que imaxe ten das festas de Burela? Eu a de preparar exames mentras oía o ambiente da rúa.

-Eu tamén tiven tempada de exames pero acórdome sobre todo das alfombras forais. Encantábanme. Ía o sábado pola mañá, estabamos pola zona do antigo cine Mon con meu pai e amigos, íamos comer e á tarde vestía o traxe de galega e desfilaba con Ledicia pisando a alfombra que acaba de facer e pensaba ?despois de tanto currar...? pero era moi bonito, cheiraba a frores a rúa, o son das gaitas, etcétera. A verdade é que teño moitas ganas de ir, de disfrutar dos meus e de falar para todo o pobo.