Llano: «O primeiro será lanzar ofertas de traballo en Burela con plans propios ou con empresas»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

XAIME RAMALLAL

Gobernará con sete concelleiros y considera prioritario desenvolver accións de emprego e revisar o PXOM

26 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se cansa de agradecer o apoio que lle brindaron os cidadáns de Burela ao concederlle a maioría con 7 dos 13 concelleiros. Alfredo Llano foi alcalde entre o 2007 e o 2011 e volverá a levantar o bastón de mando o vindeiro 13 de xuño, cando se conformará o novo goberno local de Burela. Asume con entusiasmo esta nova etapa e a victoria en todas as mesas electorais, si ben recoñece que a maioría leva implícita unha importante carga de responsabilidade.

-Vostede exerce aínda como deputado provincial. ¿Poderá compaxinar ambos cargos ou xa non o plantexa?

-Non poderei seguir sendo deputado provincial porque a alcaldía de Burela merecerá toda a miña dedicación.

-¿Cales serán os primeiros proxectos que pretende desenvolver?

-En Burela hai moito por facer, pero hai que facelo cunha visión global e polo ben común. O primeiro é traballar para lanzar ofertas de traballo a través de plans propios ou en convenio coas empresas e coas organizacións empresarias. Outro tema pendente é a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e tamén imos traballar para intentar recuperar a área integrada propia para o Hospital da Costa.

-¿E o máis inmediato?

-Imos reunirnos con todas as asociacións para contar con elas no deseño dun programa de actividades estable de cara ao segundo semestre do ano. E tamén imos reunirnos cos libreiros de Burela, e ao mellor cos de concellos próximos, para estudar si aínda estamos a tempo de organizar unha feira do libro en Burela. Se non pode ser para este, será para o vindeiro ano.

-A maioría absoluta daralle capacidade para sacar adiante propostas que levou no seu programa...

-A maioría absoluta vainos dar a posibilidade de abrir o Concello á participación da cidadanía. Queremos revisar o PXOM e, aínda que é cedo para avanzar accións, tamén queremos poñer en marcha desde o principio unha concellería volcada directamente con temas de inmigración. É necesaria tendo en conta as máis de 40 nacionalidades que conviven actualmente no municipio.

alfredo llano garcía (psoe) futuro rexedor de burela