Barcia: «Eu de momento vou seguir na corporación, non son dos que abandonan sen máis»

La Voz

BURELA

26 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A victoria do PSOE en Burela devolve ao PP, que gobernou con maioría nos últimos catro anos, ás bancadas da oposición municipal. O rexedor en funcións, José González Barcia, confesa que no partido aínda non tiveron tempo de analizar os resultados, un asunto que será sometido á valoración da xunta directiva e dos afiliados.

-O importante esforzo inversor en infraestruturas no último mandato non foi suficiente. ¿Como explica os resultados?

-A verdade é que non hai unha explicación, ou eu non acerto a atopala. É un debate que debemos manter a nivel interno porque eu teño as miñas hipóteses e barallo algunhas cuestións. Creo que pola xestión non foi porque, en materia de infraestruturas, en Burela estanse facendo grandes obras que marcarán o futuro do concello. Evidentemente debe haber outras cuestións, e hainas. Haberá que analizalo.

-Xa ten data para a reunión co seu sucesor no cargo, co socialista Alfredo Llano. ¿Tiveron ocasión de falar?

-Aínda non hai data para a reunión. E si, eu chamei a Alfredo.

-¿Ten pensado continuar e formar parte da corporación que se constitúa en xuño? ¿Volve ás aulas?

-Eu de momento vou seguir na corporación, eu non son dos que abandonan as cousas cando hai problemas. E si, volverei ao meu traballo, e considérome un afortunado por conservalo.

-¿Destacaría algunha das actuacións que promoveu nos últimos anos?

-Nada en especial. As obras están en marcha e o novo goberno será o que deba tomar as decisións. Deixamos o Concello economicamente ben, en comparación co que atopamos no ano 2011. E das obras, eu estou satisfeito con todas elas; co acceso ao porto, coa obra da escola infantil, con Torrentes, co PXOM, cos trámites para o proxecto de ampliación do hospital, co faro... neste senso, como alcalde, estou moi orgulloso de terlle devolto un símbolo ao meu pobo. As obras quedan aí e no seu día serán valoradas.

«Como alcalde estou moi orgulloso de terlle devolto un símbolo ao meu pobo (polo faro)»