«Nos últimos oito anos démoslle unha boa volta á Pontenova»

José Francisco Alonso Quelle
J. ALONSO A PONTENOVA / LA VOZ

A PONTENOVA

Darío Campos recoñece que cando entrou en política nunca pensou estar tantos anos.
Darío Campos recoñece que cando entrou en política nunca pensou estar tantos anos. fotos: X. F. ramallal < / span>

«Teño espiñas cravadas de retos pendentes: a residencia de anciáns, o centro de día e a mellora da estrada a Riotorto, pero vouno seguir intentando»

22 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«O balance, como todo na vida, é positivo en moitas cousas, e negativo en outras. Sendo alcalde tiven a oportunidade de coñecer a moita xente, de facer cousas... pero tamén me levei decepcións por proxectos que tes aí, por ilusións que non se dan sacado adiante». Darío Campos, alcalde de A Pontenova, vai cumprir oito anos no cargo. Tivo a difícil tarefa de relevar a un rexedor histórico, Enrique Fernández. E agora, aos 49 anos, Darío Campos di que mantén a ilusión para seguir catro máis. «Se os veciños me seguen dando a súa confianza serán doce anos. Doce anos son ben deles. A verdade é que nunca pensei estar tanto tempo cando entrei en política».

-Son oito anos nos que A Pontenova mudou moito. E oito anos nos que non logra sacudirse un problema da maioría de concellos de Galicia, a perda de poboación.

-É un problema moi grave, certo, que me preocupa moito, porque cada ano perdemos máis de cen habitantes. Temos unha poboación moi envellecida e resulta moi difícil de cambiar a tendencia, porque se os gobernos que poderían exercer as súas competencias non fan nada, pois os concellos pouco podemos facer. Creo que se o Estado, a Xunta non toman este problema en serio ao final a maioría de concellos de Galicia van quedar a monte.

-Falemos de retos. Xa que vai presentarse de novo: que cousas lle quedan por facer?

-A residencia de anciáns, o centro de día, a estrada Pontenova-Riotorto, que eu prometín pero non conseguín, e non me caen os aneles por recoñecelo. Movémonos varios alcaldes, pero non chegou. Vou seguir insistindo en elo, con toda a forza, para facer que as administracións competentes se mollen de verdade. Polo demais, penso que lle demos unha boa volta á Pontenova, á Praza dos Fornos, o encauzamento do río, a estrada nacional, electrificacións, mantivemos todos os servizos, que non é doado, agora estamos coa redacción do novo plan xeral, o GES, o Punto de Atención á Infancia... en fin, estamos satisfeitos. Eu insisto niso: agora mesmo con conservar o que temos xa é moito.

-Pola reforma da lei de administracións locais.

-Tamén. Se o goberno do Estado se decide a aplicala con rigor os concellos quedarán sen contido. Eu entendo que hai cousas duplicadas, triplicadas que hai que racionalizar para reducir gastos. Pero non se pode meter todo nun saco. Non se pode dicir que os concellos non temos competencias en Servizos Sociais, e despois que veña a Xunta pedíndonos máis de 3.000 euros ao ano por ancián para manter abertas as vivendas tuteladas da terceira idade. E mentres tanto, a Federación Galega de Municipios e Provincias, que certamente non vale para nada, mira para outro lado, porque está á orde de quen goberna.

darío campos alcalde pontenovés (PSOE)