Agradecementos a socorristas de Altar

La Voz

A MARIÑA

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos actualmente nunha sociedade dominada polo interese, a avaricia, a envexa, a prepotencia, a presunción, a aparencia, a inxustiza, a corrupción… e outros infinitos e diversos males. Non se pensa noutra cousa que no beneficio propio a costa do que e de quen sexa, o que menos importa son as nefastas consecuencias que este tipo de males trasladan á inmensa maioría da cidadanía; desde logo parece que a evolución do ser humano se torna en regresión e degradación, xa dá a impresión de que valores coma o altruísmo, a responsabilidade e a honradez quedaran practicamente devaluados, desterrados ou mesmo deixaran de existir. Mais ás veces xorden comportamentos illados e persoas que merecen a máis profunda consideración, respecto, admiración e agradecemento, o que nos transmite certa esperanza no ser humano.

Este é o caso de dúas persoas, mellor dito dúas responsables, honradas, humildes, boas e xenerosas persoas, que co seu traballo, amabilidade e humildade, e en moitas ocasións sacrificio, nos transmitiron seguridade e confianza este verán. Nesta ocasión referímonos aos socorristas Brais e Alex, os cales prestaron, prestan aínda, o seu servizo na praia de Altar, no concello de Barreiros, xa que foron quen de evitar moitas situacións de perigo, atender moi amablemente a todos/as aqueles/as que precisaron ou reclamaron a súa axuda e ademais levar a cabo o seu traballo de forma impecable, incansable e abnegada nunha das praias máis concorridas do concello de Barreiros e, posiblemente, da costa de Lugo.

A eles, por medio da presente nota, transmitímoslles o noso máis profundo e afectuoso agradecemento e desexámoslles o mellor. Oxalá o próximo verán os teñamos de novo na praia de Altar, ben poden outros/as mirarse neles e tomar exemplo!!! De seguro que teriamos unha sociedade infinitamente mellor.

Asinado: Ángeles Cortiñas, Jose e o seu grupo de amigos.