Celeiro de xente mariñeira, de náufragos, de mulleres...

Vicente Míguez

A MARIÑA

Opinión

24 jul 2017 . Actualizado a las 14:40 h.

Arosa dos ventos apunta xa en Celeiro rumbo ás Festas Patronais. Como cada ano por estas datas, a Virxe do Carme, San Iago e Santa Ana, grazas ao impagable labor da Comisión organizadora dos festexos, convídanos a desfrutar felices coas nosas familias, amig@s e en cordial veciñanza. O tradicional chupinazo anunciounos que se inauguraba a festa rachada: no tiovivo dos días de alborozo e gastronomía a saco, o pobo, de punta en branco, sae á rúa a ser feliz. Sae en procesións e misas solemnes, verbenas petadas, pasarrúas con charangas, vertixinosas atraccións, empanada á cervexa, Día do Neno… toda a vila vai de troula.

A diversión é un dereito das xentes que viven do seu traballo: brindemos á sáude de tantísimas persoas que remaron duro, norte ao progreso. Para construir unha parroquia con dignidade e historia.

Que na Descripción del Reyno de Galicia (Mondoñedo, 1550) o Licenciado Molina detallando as vilas xa salientaba un pasado vitivinícola celeirés, «y luego, otro (puerto) que le dicen Zellero, que son mellores de bino en la tierra que de pesca en la mar».

Saúde para un pobo emprendedor que en 1898, con 1768 habitantes contaba con corenta e tres fabriquíns de salga, e a mediados do século XX, dezasete conserveiras.

Saúde á veciñanza dun porto onde o 28 Agosto de 1925 vendían bonito 75 embarcacións, e ao día seguinte, 104, e ao seguinte, 77…

Somos o ronsel dos nosos maiores

San Iacóbus de Celarium, San Iago de Celeiro, vila con fondo arraigo mariño, de tripulantes con singraduras de salitre faenando con xeitos, brexas e xábrigas; en botes, chalanas, traiñóns e lanchas á tarrafa; ao mansío, bonito e palangre. Celeiro, largando aparellos por augas da ría pescando sardiña e chicharrón, cos barcos por Leste nas costeiras do bocarte, no sur á volanta, no arrastre de litoral e pincho de Gran Sol, en augas do Océano Índico e na Antártida…

Celeiro dos náufragos perdidos na ira do océano, pero que perviven no cariño dos seus.

Celeiro, de mulleres embarazadas meténdose no mar ata a cintura para descargar o peixe cando non había peiraos de atraque; de obreiras nas fábricas de salgadura e empacando na conserva, de pescantinas e mariscadoras, de redeiras cosendo aparellos… nesa familia numerosa do País das rías, a muller foi a sombra do pescador facendo a garda do tripulante, foi quen de gobernar a nao maior: o fogar.

Celeiro, de xente mariñeira navegando singraduras mar adentro para construir un pobo traballador, porque o traballo é a expresión máis inmortal do amor: do amor por unha familia, por unha idea, por un país, por un futuro mellor.

Celebrar as festas é honrar a memoria, continuar a tradición dos nosos antepasados que, contra vento e marea, levaron o buque a bo porto. Acompañar á Virxe do Carme en procesión marítima (no 2017 a imaxe cumpre 65 anos) é manter vento en popa a Nave que nunca zozobra: somos o ronsel dos nosos maiores.

Saúdos e saúde: Felices Festas, benquerido pobo de Celeiro!