Burela descúbrese dende o mar

sara gil / i. d.

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O Barco Museo, O Almacén do Peixe e a lonxa foron visitados por vinte persoas de toda España nunha ruta gratuíta

20 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A segunda Ruta do Peixe, organizada onte en Burela, artillouse como unha caixa de sorpresas para os seus vinte participantes, provintes de distintos puntos de España e da propia Burela.

De maneira gratuíta, puideron realizar unha visita guiada por Pedro Rolle, da asociación O Freixo dos Lobos, ao Barco Museo, a pescadería O Almacén do Peixe e á lonxa. No primeiro deles, Lino Pernas ensinoulles un típico barco boniteiro antigo. Dos camarotes á cociña, os baños ou o «puente», cunha explicación histórica deste arte de pesca tan típica da localidade. Na neveira, reformada para acoller o museo, puideron coñecer máis das nasas, as distintas técnicas de pesca do bonito, espada e outros peixes, o arrastre, etcétera, así como observar varias cabezas de especies que se conservan en botes.

Seguiron a visita en O Almacén do Peixe, onde Sara Soto lles explicou diversas características das múltiples especies que alí se comercializan e que se compran na lonxa. A conversa foi amena entre os visitantes e as expertas, compartindo mesmo opinións e receitas de peixe. Caras de sorpresa ao aprender a diferenciar as «potas» dos calamares, o rape da xuliana ou mesmo os tamaños e nomes da merluza.

Continuou despois pola lonxa, onde, para o asombro de turistas, tiveron a oportunidade de ver a chegada do peixe a porto, a descarga e colocación das caixas e mesmo a famosa «rula» ou venda do peixe.

Máis oportunidades

Unhas visitas gratuítas que terán continuidade. A do vindeiro 2 de agosto, co cupo de prazas cuberto, e outra máis á que é posible apuntarse na web de Turismo do Concello.

Nova Xeoruta pola Marosa

Hoxe • De 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 • Oficina Municipal de Turismo • Hoxe, xoves 20, continúan as Xeorutas do Concello de Burela coa que se realiza pola Marosa. Nesta obsérvanse, entre outras curiosidades, as pegmatitas, con minerais semipreciosos.