Concerto final do obradoiro de verán da Banda Xuvenil de Viveiro

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Son 70 os xóvenes que están participando neste obradoiro de verán que organiza por segundo ano a Banda Xuvenil

29 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta tarde ás 20 horas no Teatro Pastor Díaz terá lugar o concerto final do obradoiro de verán da Banda Xuvenil de Música de Viveiro.

Son 70 os xóvenes que están participando neste obradoiro de verán que organiza por segundo ano a Banda Xuvenil, «un éxito total; poucos lugares de Galicia teñen algo así, poucos poden organizar un obradoiro semellante con tal resposta e participación», salientaba onte, orgulloso e con razón, Carlos Timiraos, director da banda.

Estes mozos e mozas participaron durante unha semana neste obradoiro de verán con profesores de alto nivel. Isto, naturalmente, ten tamén repercusión para o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, pois moitos destes rapaces e rapazas acaban matriculándose no propio Conservatorio.

Neste senso, a Banda Xuvenil vén ser unha «lanzadeira» importante para o Conservatorio, como subliñaba Carlos Timiraos, o seu director (e director á vez da Banda de Música de Viveiro).

Carlos Timiraos lembraba que a Banda Xuvenil de Música de Viveiro comezou no 2015 grazas ao proxecto «A túa banda vai ao cole»; de centro en centro, achegando a música e os instrumentos aos rapaces, foi tomando forma este proxecto.

«Os rapaces e rapazas comezaron a vir e a interesarse e hoxe están aquí 70 participando no obradoiro de verán. A verdade é que era un soño e cumpríuse» ,dicía C. Timiraos. Con el están Rodrigo Rodríguez e David Bellas.