«Emociónome cando vexo a compañeiros de Rodrigo»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

A nai do policía burelés falecido no Orzán lembra a paixón do seu fillo polo deporte o polo traballo en equipo

27 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os vindeiros días (28-30 de xuño e 1 e 2 de xullo) disputaranse en Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro os actos do 6º Memorial Heroes do Orzán na sede mariñana, organizados pola Fundación Imdecum en colaboración con Administracións, colectivos e empresas. Participarán 75 equipos de fútbol sala e reunirán a máis de 700 deportistas. A burelense Isabel Lozano é a nai de Rodrigo Maseda Lozano, un dos tres policías nacionais que perderon a vida no 2012 intentando salvar e rescatar do mar ao estudante eslovaco Tomas Velicky.

-Agora toca unha nova edición do Memorial, ¿que lle parecen todos estes recoñecementos?

-Todo o que nos recorde aos nosos, ao meu fillo sobre todo, todo nos fai vivir un pouquichiño máis cerca deles. É de valorar porque o Memorial cada vez vai a máis, con máis equipos... e iso é un sinal bonito de que os nenos e os equipos apostan polo deporte, pola vida sana... Que a organización lle poña ao Memorial o nome dos nosos fillos, creo que é para valorar.

-Unha parte moi importante dos recoñecementos naceron do ámbito deportivo...

-Xa sabe como son os pobos, que nos coñecemos todos. E ao meu fillo coñecíao todo o mundo. Sabían que era un gran deportista. El era moi de vida sana, do deporte, dos compañeiros, do traballo en equipo...

-¿Practicaba moitos deportes?

-Un pouco de todo. Gustáballe moito correr, a natación, o ximnasio, o baloncesto tamén... de todo un pouco... non practicaba un deporte só. Gustáballe ir ao ximnasio e estar activo en todo, correr e, sobre todo, bañarse e nadar, encantáballe.

-¿Como viviu a presentación do Memorial na Comisaría de Policía de Viveiro?

-Foi un orgullo porque el traballou alí, onde tiña moitos compañeiros. Síntome na miña casa cando vou alí, moi a gusto.

-Ademais de en Viveiro e na Coruña, ¿onde máis estivera destinado Rodrigo?

-El estivo en Santiago, en San Sebastián, en Pamplona... de feito Pamplona gustáballe moito. Alí tamén deixou moitos amigos. Estivo en Viveiro e logo foi para A Coruña, onde era feliz. Non teño palabras de agracecemento para eles. Sempre foron e son marabillosos. No grupo de traballo de Rodrigo estaban moi unidos, era un grupo moi especial. O seu turno era un turno de xente xoven con moita ilusión por traballar, por iso esta competición é tan importante. É moi importante ver aos nenos unidos e con gañas de xogar, de querer gañar...

-¿Continúan mantendo unha relación moi estreita as familias dos tres policías?

-Non somos familia de sangue, pero agora somos familia. Somos tres familias ás que nos uniu unha desgraza, o destino... como lle queiramos chamar. Decidimos entre todos, como tiña que ser, como lles gustaría aos nosos fillos que o fixeramos.

-E tamén mantén contacto coa familia de Thomas Velicky...

-Si, claro. Son outras vítimas máis do destino. Sempre vou ter relación con eles. E, sin coñecelos moito, poido dicirlle que os aprecio moito. Debe ser porque sufriron moito, incluso un pouquichiño máis porque nós estabamos apoiados por moita xente e eles, viviron a traxedia noutro país. Quizais o que máis nos fastidia é a barreira do idioma, pero imos entendéndonos.

-Vostede convidáraos a visitar Burela, ¿tiveron ocasión de vir?

-De momento non viñeron, ¡pero ogallá! Si algún día deciden vir, aquí os recibirei cos brazos abertos.

-¿Viviu algunha das homenaxes a Rodrigo de forma máis especial?

-Todas teñen algo que che fan vibrar. Non podería dicir agora cal foi a máis emotiva. A min emocióname moítisimo cando vexo a compañeiros de Rodrigo, sobre todo polo uniforme. O uniforme xa forma parte da miña familia. Todas as homenaxes teñen un puntiño de emoción.

-¿Ten previsto asistir aos actos do memorial?

-Claro que estarei alí, pero eu e moitísima máis xente.

-Despois das competicións da Coruña chegan as da Mariña. O Memorial tamén permite unir pobos, ¿non lle parece?

-Une aos pobos e á súa xente. Eu ben o vin na presentación da Comisaría. É bo que os alcaldes estén xuntos e se apoien uns aos outros, é bo que os pobos estén xuntos. ¡E si encima é gracias ao meu fillo e aos seus compañeiros, para min é marabilloso! Eu xa estaba antes orgullosa do meu fillo e, aínda que agora preferiría que estivera aquí, é bonito que acorden del con tanto cariño. El xa vive comigo, non me fai falta ningún homenaxe para recordalo, pero é bonito que os poñan como exemplo para a xuventude, como exemplo de valores, de compañeirismo...