«X particularmente», dicía Pancho de Martiño

Fran Bouso

A MARIÑA

20 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovindeiro luns, 26 de xuño, cumpriranse cen anos do nacemento de Francisco Val López. Seguramente que polo seu nome moitos non o recorden, pero haberá poucos mindonienses maiores de 35 anos que non se lembren de Pancho de Martín ou de Martiño. Panchiño foi un deses personaxes bohemios que habitaban nos Muíños na segunda metade do século pasado; asiduo visitador de tabernas; amigo do clarete, do Terry e dos animais. No pregón das feiras e festas das Quendas do ano 2014 que me encargaron pronunciar falei moito do meu barrio, Os Muíños e non deixei de contar algunha anécdota de Pepe de Pernas, o fotógrafo que sacaba as fotografías sen carrete, algo que hoxe en día non ten mérito pero cincuenta anos atrás si; Rosendo de California, natural de Cadavedo (A Pastoriza) que pasou os últimos anos da súa vida no barrio e que todos os días e coa mesma puntualidade coa que soaba o Esquilón da Catedral berraba a súa letanía no medio da praza: “Del contración, la artículo. Vai traballar aragán. Tes, cómeo; tes comeo...” e outros máis como Espinete ou Chipo.

De Panchiño dixen que tiña un can, chamado Andarín e nós tiñamos outro ao que as miñas irmás lle puxeron Gen. O Gen e o Andarín sempre andaban a pelexar entre eles, pero se se achegaba outro cuadrúpede á súa área de control axiña facían fronte común para defender os seus territorios, desta defensa librábase o burro de Taliñeira porque non molestaba, unicamente comía papeis de periódico. Tamén lembrei que Pancho tivo diferentes animais de compañía como a galiña Cocó que sempre o acompañaba a tomar os viños aos bares da vila. O cocho Pepito foi outro dos compañeiros de Pancho que, amigo dos animais si, pero cando chegou o San Martiño non dubidou en converter ao Pepito en soá, frebas e chourizos. Daquela para poder facer a matanza había que pagar uns arbitrios que o bo de Panchiño se esqueceu de satisfacer e, ante a ameaza de denuncia ás autoridades por parte dalgún veciño, Pancho decidiu repartir os chourizos entre a veciñanza. Desta anécdota naceu unha canción moi popular en Mondoñedo que di: Pancho matou o Pepito. / Pancho matou o Pepito / e en vez de pagar arbitrios / “andivo” de porta en porta / repartindo nos chourizos.

Panchiño tiña unha linguaxe moi particular, del son frases tales como: “De momento, un saco de cemento para la fachada del ayuntamiento» e “Está Usted hipopotomado” ou expresións como “X particularmente” que adoitaba empregar ao inicio das súas alocucións ao xeito dun avogado pedindo a venia ao xuíz nunha vista.

De moi novo aprendeu o oficio de zapateiro, profesión que exerceu boa parte da súa vida. Pero a pasividade e desorganización levárono a baixar a garda no seu traballo, ir perdendo ferramenta e outros avatares que o obrigaron a pechar o obradoiro que tiña nos baixos da súa casa sita na rúa San Roque á altura do arranque da estrada que vai cara Argomoso.

Sen emprego e levando mala vida estaba abocado ao fracaso. Alguén quixo mirar por el e buscoulle unha recomendación para conseguir un emprego como “Peón caminero” na Deputación. O día que se fixo efectivo o seu contrato no organismo provincial dixo: «ahora ya voy a chupar del presupuesto», tal e como me recordou estes días José Ramón Díaz.

Antón Meilán escribe nun artigo publicado neste mesmo xornal polas San Lucas do 2013: “Algún ano coincidín con Xulio de Marina e Panchiño de Martín, que mercaban catro xarras, dúas dun cuartillo e as outras dun litro. As primeiras para beber entre comidas (a media mañá e tarde) e as outras para as comidas e se cadraba para deixar enriba da mesiña de noite. Escribo por boca deles”.

Francisco Val López morreu en 1990 no Hospital da Costa. Andrés García Doural apunta na súa bitácora dixital Miscelánea mindoniense: “Pese a los años transcurridos desde su fallecimiento, es un personaje muy recordado en Mondoñedo y de su ajetreada vida son comentadas numerosas anécdotas”. Sempre é un bo momento para pasarse polo barrio dos Muíños, pero esta fin de semana ten un aliciente extra. O sábado, 24, celébrase a “Feiramostra Os Muíños” que convoca a artesáns e outros comerciantes para mostrar e vender os seus produtos.