«Si, o primeiro gol oficial da SD Burela metino eu, foi de volea, no ano 66»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

«Eu era defensa pero ese día probáronme diante e tocoume a min», lembra

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un gol sempre é un momento de xúbilo para o equipo que marca e de tristeza para o que o recibe. «Gooooooool!!!!» bérrase con forza nun campo de fútbol cando o balón entra en portería contraria. Na tempada 66-67 marcaba Honorato Fernández un que pasaría á historia da SD Burela, con medio século de vida, porque foi o primeiro gol oficial que anotou o equipo. Non é de estrañar que teña un caseto mesmo na Marosa. «Máis ben é pola praia, non é todo polo fútbol», xustifica. Haberá que crerlle, logo. «Alí pasamos o verán e nesa temporada xa non hai partidos», engade.

-Terá moi presente e agora máis que se cumpren os 50 anos da S.D. Burela aquel gol seu no 66...

-Era a primeira temporada na que o Burela entrou en competición oficial. Acordo ben, porque xogaban once e non había moito cambio. No primeiro partido, eu non estivera. Non houbera goles. No segundo, eu era defensa, probáronme diante aínda que daquela non sabiamos ben nin onde tiñamos que xogar, aparecín ese día e tocoume a min... marcar gol!

-Sorte, destreza?

-Da distancia dende a que foi marcado non era fácil. Era unha volea que se engancha así... Moitas veces tiras 50 veces e 49 non entran. Foi dende uns 20 ou 25 metros, por aí. Bastante distancia.

-Cal era o equipo rival?

-O Chanca de Lugo. Os da capital sempre viñan cun aire... tamén estaban máis formados e viñan a gañar porque o tiñan máis fácil pero ese día perderon 2-1.

-Era fútbol en estado puro, non?

-Foi un momento bo. Había moita xente. Daquela íase ao fútbol porque non había moita máis cousa. E era novidade o equipo. Os demais equipos da zona e os de Lugo xa estaban antes en competición. Eu xoguei no Burela dende 1969 ata 1975, cando estaba en Primeira Rexional e nin había nin Segunda nin Terceira. Logo estiven no Viveiro C.F. ata 1981. Deixei o Viveiro e volvín ao Burela outra vez. Botei dous anos ata acabar a carreira de futbolista, porque xa tiña 32 anos. Cando a acabei, fixemos o curso de entrenador varios da zona e entrenei xuvenís nunha liga galega e mantiña contacto co fútbol como segundo adestrador. Despois fomos deixando cousa e pensando, a ver como veñen outros...

-Como se vivía o fútbol entón, con respecto ao día de hoxe?

-Máis ilusión si que había polo fútbol e por adestrar e xogar. Estabas esperando un gol e estabas esperando un domingo como auga de maio porque non se saía en toda a semana. O plan do domingo era fútbol, cine e baile. Iso, os que faciamos o deporte, porque daquela non había máis deportes que o fútbol.

-E a equipación, creo que era máis axustadiña ao corpo.

-Era un pantalón moi cortito e as camisetas máis ceñidas... Era a moda que se levaba. Os pantalóns eran da mesma talla, non había moita variedade. A do Burela era de camiseta e medias verdes e branco o pantalón.

-E as botas de fútbol?

-Cada un tiña as súas. Eran bastante estreitas diante e facían marcas nos dedos. Tamén daquela había unha ou dúas marcas de botas, nada máis. Acórdome das de Marco. As outras viñeron despois.

-Hoxe cambiou o conto, non hai máis que ver os nenos coa equipación de Messi ou CR7.

-Nós tamén tiñamos ídolos, pero menos. Madrid e Barcelona sempre estiveron aí. Agora si que os chavales xa van adestrar coa equipación. Incluso hai pequenos aos que lles poñen o nome de Messi ou de Ronaldo!

-Houbo algún futbolista famoso chamado Honorato, por certo?

-(Ri) A min gústame ver o fútbol e a un equipo que xoge ben, sexa o equipo que sexa. Nunca tiven unha cor definida de equipo favorito de fútbol. É curioso. Hoxe gústame ver fútbol, se fai falla todo o día pero tamén cando non me gusta... apago!

-Sabe que na Marosa hai un cartel da concellería de Deportes, un decálogo de consellos de conduta para adultos. Que lle parece ter que chegar a iso?

-Eu sempre dixen que para os pais facía falla outro adestrador e iría a cousa moito mellor. A veces empezan xa os problemas en infantil meténdose co árbitro e iso non é bo para todos. Antes non había ese ambiente pero agora, ao haber máis fútbol base, todo o mundo quere gañar pero a veces hai que saber perder. E hai mentalidades que non o entenden. Pero iso pódese mellorar. Aos chavales, primeiro hai que ensinarlles a perder.

-Tómase demasiado en serio?

-A ver, hoxe da gusto ver a canteira. Antes o fútbol comezaba nos xuvenís e agora xa ves un neniño ao que lle abulta máis o balón que el. Iso da gusto velo.

-Algún non acaba «queimado»?

-Non, porque aos 14 ou 15 anos xa veñen outras cousas e algúns esquécense do deporte. Na miña época había que aprender máis tarde, aos 14 ou 15 anos. Daquela era xogar por xogar, con dúas porterías feitas co que fora. Agora está máis orientado a fútbol base e empezan dende abaixo. A min dáme gusto ver a canteira.

-Tamén a feminina!

-Si si si... empezan agora! Incluso adestradoras e nenas xogando.

«Hoxe dá gusto ver a canteira. Antes o fútbol comezaba nos xuvenís e agora xa ves un neniño ao que lle abulta máis o balón que el»

DNI. Aquel partido.

 

 

DNI. Espiñeirido-Cervo, 1950.

Aquel partido. El marcara o primeiro gol e o segundo fora o seu compañeiro Pepe de Felisa. Era un partido da SD Burela contra o Chanca de Lugo. Quedaron 2-1.