Fútbol feminino: hai 45 anos

Suso Fernández, cronista oficial de Foz

A MARIÑA

16 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o 13 de xuño de 1971 cando por primeira vez se celebrou en Foz un encontro de fútbol entre dous equipos con senllas alineacións formadas por mulleres. Equipos que, atendendo ás ocupacións da maioría delas, bautizáronse cos nomes de “Racing da Agulla S.D.” e “Sporting do Mostrador C. de F.”; conxuntos improvisados para enfrontalos en noble lide e destinar a recadación pro-festas de San Lourenzo, que eran tempos nos que se precisaba activar a imaxinación para ir sumando pesetas, aínda que fose a poucos… ; os dispendios das institucións, en concepto de “subvencións” a tales fins, tardarían en chegar…

O Estadio Martínez Otero rexistrara un cheo en encontro tan novidoso, no que fixera o saque de honor o popular “rulero”, Pedro Tapia, exxogador ó que da nosa adolescencia lembrábamos como un gardamenta excepcional, de físico estilizado e felina axilidade, moi difícil de batir; fisonomía que co tempo experimentara unha notable metamorfose que o fixo, con todo merecemento, partícipe naquel “concurso de gordos” que, a pesar de resultar moi exitoso; incluso o transmitira íntegro e en diferido TVE, en horario de máxima audiencia, pola cadea única, en branco e negro, e non coñeceu outras edicións.

O partido, a piques estivera de frustrarse. Certa persoa, finada hai anos, cuxo nome omitimos, en actitude dificilmente entendible, fixera campaña en contra do mesmo, facendo ver a algúns pais das xogadoras (hai que retroceder medio século, para comprendelo) o “escándalo” e a “deshonra” que para as súas fillas ía significar aparecer no campo vestidas de tal guisa…

Este cronista era o presidente da comisión e promotor de tal encontro, e alguén advirtiuno do que estaba a pasar; e de que, chegado o momento, ían faltar á cita catro ou cinco mozas, ás que os pais prohibían participar.

Dous días antes visitámolos nos seus fogares e confesamos que resultou doado convencelos do erro: garantimos que as rapazas, uniformadas de futbolistas, ían máis “tapadas” (esa era naqueles tempos a cuestión) e, polo tanto, máis “decorosas”, “castas” e “decentes” que o facían a cotío pola rúa. Confiaron en nós e resultou unha xornada apoteósica, ofrecendo o estadio un ambiente festivo e unha concurrencia só comparable coas que foron contadas ocasións na súa historia.

A maior satisfacción nosa fora a felicitación e a gratitude que nos transmitiron aqueles pais, a piques de caer nunha engañifa da que endexamais coñecimos a intencionalidade.

O “Sporting do Mostrador”, con Milucho de Simón de adestrador, alineaba: Maruja Fernández( do “banqueiro”), Susa Martinez (de Fito), Lupe Marful (de Cosme), Mª Luisa Maldonado, Loli Alonso (da Tata), Mari Echevarría, Iselda García, Dulce Mª Martínez e Loli de Simón. Pola súa banda as da” Agulla”, adestradas por Arturo da Peala, formaban: Marita da Pecherena, Mª Carmen Fraga, Mª Carmen García (Xexé), Clara Ruiz (da Sanchona), Azucena do Ollomouro e Ana Mª de Adela.

Gañaran 1-0 as primeiras e recollera o trofeo en liza Lupe de Cosme, capitana do “Sporting do Mostrador,” de mans deste cronista, presidente da comisión de festas, que á sazón tiña 33 anos … e abofé que non coxeaba.

Fora árbitro da contenda Tito da Fábrica que na ocasión vestía de muller, para entoar coa posta en escea. Fora unha xornada deportiva chea de humor e ledicia; a súa lembranza durara por anos.