«Temos que aprender a usar a tecnoloxía de forma racional e con sentidiño»

La Voz

A MARIÑA

. ANA GARCÍA

Mañán, venres, presentará ás 20.30 horas o libro «Badaladas de Anllóns» na Casa das Letras (Ribadeo)

15 jun 2017 . Actualizado a las 07:37 h.

Mañá, venres 16 • 20.30 • Casa das Letras • Novo libro de Farruco Graña. O seu título, Badaladas de Anllóns. E a presentación, mañá en Ribadeo.

-Dende cando escribe?

-O que é escribir, dende novo. Houbo momentos de parón pero o gusto por escribir chegoume nos momentos da universidade. Para min, escribir é persoal e íntimo. Tes ganas de expresar sentimentos, desafogar, facer unha trasnada escribindo... pero co paso do tempo acabas vendo que pode ser publicable; é cando das o salto. Levo publicando dende hai 10 anos. En 2007 saíu a miña ópera prima: O bosque de Nadgor. A partir de aí, seguín coa ilusión de escribir, apareceron tamén publicacións colectivas como Contos de taberna, Follas de carballo e hai dous anos tamén apareceu O soño de Xoán; agora As badaladas de Anllóns... Son un conxunto de relatos. O río Anllóns, coma outros, está cheo de afluentes que lle dan vida. O libro é iso, o río Anllóns, pero ao que le dán vida unha serie de relatos curtos, uns de máis lonxitude, outros máis breves. A historia está centrada na comarca do Bergantiños, no río Anllóns e nas parroquias. E nas campás das aldeas...

-Acabarán estas morrendo con tanta nova tecnoloxía?

-Un dos transfondos do libro é o reto dos novos tempos, como facerlles fronte e asumir os cambios positivos que nos aporta o progreso pero sen renunciar ás nosas sinais de identidade. Outro enfoque é o malentendido progreso cando se supón que chega con propostas milagreiras e esquilma patrimonio pero por outra banda... somos capaces de sobrevivir ou nos levará por diante?, conservaremos as nosas sinais de identidade ou as varrerá? Podemos coidar o progreso e integralo. En castelán falamos dun tuit e do Twitter. Cando descubrín a expresión ‘un chío’ acordábame da expresión ‘non deas un chío’, ‘non digas nin mu’. Esa é a esencia. É posible combinar tradición e modernidade, esa é a esencia da novela. Salvo Talismán que é a antesala e está ambientando no século XVI, os demais relatos están ambientados nos séculos XIX XX. As distintas personaxes que configuran o relato vense abocadas a facer fronte aos cambios que está a experimentar o rural galego e as vilas. A veces nos parecía que era so o rural o que non accedía ao progreso. Nas vilas galegas, como nas do restos de España e países, cando había teléfono había unha telefonista que controlaba as comunicacións. Ou un veciño lle encargaba a outro ‘chamade a tal casa e avisade que non lle pasou nada a fulanito’. Daquela como moito unha ou dúas casas tiñan teléfono.

-Cantos móbiles ten vostede?

-Teño dous, un é do Concello pero prefiro andar con un so. O reto é como capear e sobrevivir a todo isto...

-Xa toda esa revolución dixital está a mudar o mundo moito!

-Non hai que terlle medo. Hai que aprender de forma racional e con sentidiño todo iso. Hai unha expresión na materia de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade que dou no instituto, e é que a tecnoloxía é axioloxicamente neutral. É dicir, nin é boa nin é mala. É o uso que lle deamos a que a converte en algo perverso ou no seu caso positivo. Temos que aprender a usar de forma racional con sentidiño todos os medios que tes á túa disposición.

-Volvemos a falar do libro?

-As historias de Badaladas de Anllóns están ambientadas en Bergantiños, pero os ecos das badaladas chegan á Mariña luguesa, a Ribadeo e con referencias á Pontenova, Vilaodriz, Porto, A Veiga, Santiso de Abres... da man dun pasodobre chamado Campanas de Anllóns de Rogelio Loureda. Como chegan eses ecos a Ribadeo? Pois porque a banda interpretaba esa peza nos anos 50 e 60 e iso me permitiu facer o vínculo. A partir de aí desenvolvo a historia en Ribadeo, coa Torre dos Moreno, de amor, de convivencia entre xente a un e lado e outro da ría... A presentación está organizada pola A.C. Francisco Lanza e estarán presentes Dores Fernández Abel e Xosé Carlos Rodríguez Añón que é colaborador de La Comarca del Eo.