«Busco modistas, de momento atopei unha en Viveiro, pero preciso máis»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A profesional, de raíces viveirenses, está a ter demanda sobretodo fóra de Galicia

26 may 2017 . Actualizado a las 14:53 h.

A vida de Verónica Marí Granda (Madrid, 1991) discorre entre Lugo e Viveiro. Na cidade do Landro, de onde é seu pai, pasa os veráns e dedica parte do seu tempo dende aquí ao que é a súa profesión, deseño de moda. Tan ben lle vai que anda á busca de modistas, tamén na Mariña, para poder sacar o seu traballo adiante.

-Xa de nena lle gusta deseñar?

-Dende pequena gustábame moito facer roupa para as bonecas, ata cun papel normal ou servilletas a facía e lla poñía ás Barbies. Logo, cando acabei os estudos de Bacharelato non sabía ben se facía facer moda ou historia de arte, coa que tiña unha espiña cravada pero agora xa a estou estudando a través da UNED. Fixen os estudos na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, durante cinco anos.

-Como foi o poñer os pés na terra, empezar a traballar?

-Quería empezar a facer roupa que me gustase e un estilo de roupa que non se vira tan comercial, que fora máis persoal e que se identificara coa personalidade da persoa. Fago para muller pero tamén para home e neno e ilustracións propias que estampo eu. Antes comigo, na firma RominaconEncarna estaba Noelia Nogueiras. Agora levo a marca en solitario. O nome xurdiu polo primeiro ano que traballamos en Viveiro, pois Romina e Encarna era o nome das nosas bicicletas de verán. Está ligado con Viveiro.

-Como lembra o primeiro desfile?

-Foi coa escola, cun modelo que despois desfilou na gala Lucus Moda en Lugo onde recibín o Premio ao Mellor Look. Tamén na Cidade da Cultura presentei o proxecto de fin de carreira e recibín o premio ao Mellor Look Fusión Arte e Moda, coa axuda de Idoia Cuesta no proceso de creación. Tamén recibimos, dentro dun grupo, outro premio ao Mellor Vestuario de Teatro da USC.

-De onde lle vén a inspiración?

-Á hora das ilustracións inspíranme cousas cotiás e intento mesturalas. Agora, por exemplo, teño unha ilustración que é unha imaxe de meu irmán pequeno cunha cresta punki.

-Para cando desfile en Viveiro?

-Se mo ofrecen... eu sen problema. Estou aberta!

-Parece ser que busca modistas.

-Si, é algo moi complicado. Penso que o de modista é un tipo de oficio que se está perdendo e que non está suficientemente valorado. E deberiamos recuperalo. Por exemplo, eu actualmente estou empezando a ter pedidos, máis ben de fóra de Galicia e quero xente que me axude, pero quero que se faga en Galicia ou alomenos dentro de España. Quero darlle traballo á xente de aquí.

-Atopou algunha xa?

-Unha so en Viveiro. Seguirei buscando. Teño moita demanda.

-Que perfil busca da profesional?

-As modistas en xeneral soen estar acostumadas a facer arranxos. Eu as prendas que teño en RominaconEncarna son prendas onde o que mais loce é o estampado, sen embargo o corte é mais sinxelo. Cando me poña cun patronaxe máis coidado, xa necesitaría unha modista que tivese máis coñecementos.

-Está gustando logo o seu estilo.

-É o de sempre, isto funciona polo boca a boca e funciona máis fóra de Galicia. Toca seguir traballando duro. A marca xa leva tempo creada pero no que eu me estou movendo actualmente gusta a roupa e hai bos resultados.