«Non creo que estea traizoando a alguén por querer xogar en Primeira»

A MARIÑA

BENITO ORDOÑEZ

O futuro xogador do Santa Coloma confesa que «posiblemente» seguiría no Burela se non baixara a Segunda

20 may 2017 . Actualizado a las 16:32 h.

Xa é oficial. Iago Míguez (Burela, 1991) non seguirá vestindo a camisola laranxa a próxima tempada. Onte sacábano á luz o Pescados Rubén-Burela, que agradece a súa profesionalidade e deséxalle sorte na súa nova etapa, e o propio xogador, quen explicou que o descenso do equipo a Segunda División foi unha das razóns que o animaron a cambiar de aires. O que non confirmou o exburelista é se prolongará a súa carreira no Santa Coloma, se ben é un segredo a voces que a súa fichaxe polo conxunto catalán será público nuns días. Iago Míguez deixa o Burela «eternamente agradecido» a toda a xente que lle axudou a converterse no xogador do club con máis partidos en Primeira, e proclamando aos catro ventos o seu amor por Burela e polo seu equipo.

-¿Foi unha decisión difícil?

-Moi difícil, a máis difícil da miña carreira. O Burela é o club do meu pobo onde sempre quixen xogar desde que era un neno, e os sentimentos afloran cunha forza irresistible cando tes ves nesta situación.

-¿Tíñaa tomada antes de que consumara o descenso?

-Si que é certo que me chegou algunha oferta antes de saber si descendíamos ou non, pero sempre tiven claro que ata o remate da tempada non ía pensar noutra cousa que non fora o Burela. A miña cabeza estaba na permanencia do meu equipo.

-¿Aceptaría a proposta de renovación se o Burela non caera a Segunda?

-Posiblemente. Eu non me escondo, son realista, e un dos motivos polos que me vou é ese. Creo que aínda me queda un bo camiño por percorrer no fútbol sala e a miña ambición lévame a querer facelo en Primeira División. En véxoo como algo normal, non creo que estea traizoando a alguén por querer seguir xogando na máxima categoría.

-O seu destino será o Santa Coloma.

-Hai una oferta en firme e é un equipo que me atrae polo proxecto que ten, pero de momento non hai nada cerrado.

-¿Chegáronlle máis propostas para saír do Pescados Rubén?

-Algunha máis si houbo, aínda que más informais que formais.

-¿Volverémolo ver vestido de laranxa?

-Vaia onde vaia, o Burela sempre estará no meu corazón. Fun afeccionado deste club antes que xogador, polo que oxalá nun futuro poda volver lucir a camisola laranxa.

-¿A aposta por Juanma para o banquillo fíxolle recapacitar na súa decisión?

-Si, xeroume dúbidas. Aparte de que teño unha boa amizade con el, creo que é un profesional exemplar. Cando éramos compañeiros sempre me dicía medio en broma que algún día sería o meu adestador... (risas).

-¿Triunfará como primeiro adestrador?

-Estou seguro. É un traballador nato e sóbranlle coñecementos e seriedade para sacar isto adiante.

-¿Que parte de culpa tivo a plantilla no descenso a Segunda?

-Case toda. Ao fin e ao cabo nós somos os que xogamos e os que tomamos as decisións na cancha.

-¿Daniel Ibañes ou Tomás de Dios? ¿Con cal se queda?

-Daniel tivo un traxecto máis longo, puidemos coñecelo máis..., e quédome cas pautas que nos daba en ataque, sempre a partir da súa experiencia. O percorrido de Tomás foi máis curto, e quédome ca capacidade que tiña para contaxiarlle ao equipo a intensidade ca que el vive o fútbol sala.