«Púxenlle máis ilusión á regata por ser o día do meu cumpreanos»

I.M.B. FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

O palista do Club Kayak de Foz festexou o sábado en Trasona o título cadete na Copa de España

15 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoel García Neira retoma hoxe a súa rutina no Centro Galego de Tecnificación Deportiva con máis ganas, se cabe, que de costume polo seu novo éxito nunha regata na que estaban ás máis firmes promesas do piragüismo español. O palista do Kayak de Foz acadou o sábado o título na Copa de España cadete disputada no embalse de Trasona xusto o día no que sopraba 16 candeas. «Púxenlle máis ilusión por ser o día do meu cumpreanos», confesa.

-¿Contento?

-Moi contento. Non é nada sinxelo acadar este título dous anos consecutivos. Aínda que tiña esperanzas e traballei moito para conseguilo, alí había unha morea de rapaces de moita calidade que tamén traballaron para ser campións.

-¿Sabe mellor nun día tan especial?

-Por suposto. Non hai mellor maneira de festexar un cumpreanos que revalidando un título.

-¿Foi más custoso este ouro que o do ano pasado en Sevilla?

-Eu diría que si. Cada ano que pasa é máis difícil gañar porque a competencia que atopas é maior e máis cualificada.

-Na final rebaixou dunha maneira considerable o tempo que marcou na semifinal.

-Non é raro. Nas semifinais sempre te deixas ir un pouco porque, ao ser por tandas, non compites con todos os favoritos e chega con acabar entre os tres primeiros para clasificarte. Na final si que hai que dalo todo xa que as diferenzas son mínimas e calquer despiste te deixa sen podio.

-Leva xa dúas tempadas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

-Os inicios foron duros por aquilo de estar fóra da casa, pero agora xa estou totalmante adaptado e moi a gusto. A verdade é que nun centro de alto rendemento mírase ao futuro con máis optimismo, tes moitas máis posibilidades de medrar.

-¿E hacia onde mira Xoel? ¿Cal é o seu soño?

-Teño moitas ganas de competir nunha regata internacional. ¿O meu soño? O de calquer rapaz que fai deporte, participar nuns xogos olímpicos.

-Galicia é terra de piragüistas recoñecidos. ¿Cal é o seu referente?

-Como ben dis, aquí temos a sorte de contar con moitos e moi bos piragüistas e calquera deles sería un bo espello para os máis novos, pero eu quedaríame con Saúl Craviotto e Cristian Toro porque son velocistas coma min.