«O reto é tratar de manter o bo momento que vive Foz»

Do que vai de mandato, suliña a reorganización das avenidas da Mariña e Álvaro Cunqueiro, e confía en que no 2018 empece a autovía

.

foz / la voz

Fai dous anos, Javier Jorge Castiñeira (PP) obtivo 2.133 dos 5.892 votos nas eleccións locais de Foz, co que goberna en minoría (con 5 dos 13 concelleiros) un municipio ao que último censo lle atribúe 9.908 vecinos. Para o alcalde focense, un dos logros dos dous primeiros anos de mandato é un que está a piques de empezar, a reorganización das avenidas da Mariña e Álvaro Cunqueiro, coa que os veciños gañarán espazo frente aos automóviles. Se as informacións que manexa se fan realidade, «moi posiblemente antes de rematar o mandato estará en obras a autovía A-74, entre Barreiros e Foz». Como «reto» para o que resta de mandato, Castiñeira proponse «seguir nesta boa liña, que trae tranquilidade á corporación e ao pobo de Foz, que vive un bo momento».

«Moi orgulloso» se sinte o rexedor focense porque, «despois de dez anos, en xuño contamos con aprobar definitivamente o plan urbanístico». Tamén suliña a trascendencia de «conseguir unha nova ubicación para a depuradora de augas residuais». Todo é froito «do traballo diario e dos pactos coa oposición».

Aínda que o «choque coa burocracia é o peor de todo o bo que ten ser alcalde do teu pobo, porque condiciona os tempos das Administracións» para sacar adiante os proxectos, Castiñeira di non ter «dúbida de que este ano se draga a dársena, Portos xa a ten en contratación». «Adecentar prazas e reorganizar a zona do porto» son outras metas de aquí ao 2019.

Para o alcalde focense, «que a burocracia vaia a máis» é un problema para os concellos e os cidadáns porque dependen de Administracións «que canto máis lonxe están, máis lentas son».

Votación
2 votos
Comentarios