«Creamos un clima para que Burela siga medrando»

Apunta a «mellora global» do concello como o máis salientable dos últimos dous anos, e quere dar emprego e oportunidades áos mozos

.

burela / la voz 15/05/2017 13:08 h

Con 9.552 veciños censados, Burela «é o único municipio de Lugo que medra, e onde vive máis xente de menos de vinte anos que de máis de 65». Unha «vantaxe» do concello que Alfredo Llano (PSOE) goberna con 7 dos 13 concelleiros, tras recibir 1.996 dos 4.765 votos nas eleccións do 2015. No seu «moi positivo» balance do que vai de mandato, considera destacabe ter «creado un clima para que Burela siga medrando como ata agora, cun pulo diferenciado, con esa mellora global económica, social e cultural que xa se nota».

Obxectivos de aquí ao 2019, «proxectos turísticos para que Burela sexa un destino atractivo e non masificado» e, en liñas xerais, «seguir mellorando para que Burela sexa un referente claro na Mariña, en Lugo en e Galicia». O rexedor bota de menos «oportunidades laborais para a xente máis nova», por iso se propón «desenvolver o pobo de maneira sostible, pensando nos chavales para que poidan traballar e construir aquí a súa vida».

Como a labor do que vai de mandato «é moi abundante», a larga lista de obras e accións medioambientais, sociais, culturais e deportivas que cita Llano poden resumirse coas súas propias palabras: «Creamos a semente para que Burela se consolide como un pobo con servizos de calidade para construir aquí proxectos de vida».

«Pensando nos veciños», o rexedor burelense cita obxectivos de aquí ao 2019: «Consolidar a nova depuradora de residuais, acorde coas necesidades de Burela; construír un novo pabillón polideportivo, adaptado aos requisitos para a Primeira División de fútbol sala, e, ao lado, unha piscina climatizada, tamén para usos sanitarios porque está ao lado do hospital».

Votación
1 votos
Comentarios