«Non é que o libro en papel sexa unha especie en perigo de extinción, pero case»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Empresa con 37 anos de vida, puxo en marcha hai un ano a editorial Libros Lar

04 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá vai ser presentada na Casa das Letras de Ribadeo a publicación As covas do Rei Cintolo que recolle o libro de Daniel Cortezón e o cómic de Suso Peña, homónimos. Alí estará o editor, Manuel López, xunto con outros convidados á cita, quen explica acerca da obra que saca á rúa Libros Lar: «A publicación consiste en reunir nun único volume dúas obras de dúas persoas coas que me uniu unha fonda amizade por moito tempo e que á súa vez eran moi amigas entre elas: Daniel Cortezón e Suso Peña. A primeira novela de Daniel Cortezón, As covas do rei Cintolo, que publicou Editorial Galaxia no ano 1956, levaba esgotada desde pouco tempo despois e grazas ás xestións que fixo a súa viúva, Mati, Editorial Galaxia permitiunos facer unha reprodución facsimilar para reeditar esta obra. Por outra parte Suso Peña tiña un breve cómic de 8 páxinas, que se titulaba La cueva del rey Cintolo porque estaba escrita en castelán, e pareceunos oportuno reunir estas dúas obras nun só libro».

-Cando puxo en marcha Gráficas Lar Libros Lar e por que?

-Na empresa Gráficas Lar, para ter a capacidade de facer determinadas iniciativas editoriais, puxemos en marcha Libros Lar hai aproximadamente un ano. E esta publicación faise ao amparo do noso selo editorial. Quero mencionar o apoio da Deputación Provincial porque dunha tiraxe de 500 exemplares a Deputación fíxonos un pedido de 200 libros, o que reverte en que o resto, que se colocan á venda nas librerías, se poñan a un prezo bastante popular, que son 10 euros cada exemplar. Con respecto á finalidade de Libros Lar, é facilitar a labor a persoas ou entidades que queren publicar algún libro. Agora mesmo incluso se puxo complicado para alguén que non está metido no mundo editorial obter un ISBN. Así, rexistramos o selo editorial noso. Tamén para sacar algunha produción propia, na que asumimos a xestión integramente. ¿Cantos libros levamos editados ata agora? Aproximadamente unha ducia.

-Algunha novidade dese selo?

-Estamos preparando unha sección na nosa páxina web para que eses libros que publicamos de outras persoas se podan comprar online. Hai persoas que nin sequera fan distribución deles.

-Segue a ser complexo publicar ou editar un libro hoxe en día?

-É complicado. Non é que o libro en papel sexa unha especie en perigo de extinción, pero case. Cada vez as editoriais teñen máis difícil sacar títulos por iso, as ventas non son explosivas, hai moita competencia e hai pequenas editoriais que quitan títulos de autores noveles ou outros xéneros como a poesía... Nós temos editado títulos de poesía.

-Compromiso cultural tamén?

-Si, no noso caso ten máis que ver co compromiso cultural, pola nosa traxectoria e experiencia. Gráficas Lar ten 37 anos de vida. Comezou en xaneiro de 1980.

-Como se adaptaron aos novos tempos, en distintos niveis?

-Hai que intentar adaptarse pero non sempre é fácil e gratuíto, hai que comprar tecnoloxía nova. Pero cos medios que temos agora a capacidade de produción do sector é tremenda.

-E no caso de Gráficas Lar dende un recuncho como Viveiro.

-A veces estar nun pobo pequeno é unha vantaxe pero outras veces tamén é un inconveniente.

-Hai pouco que se presentou «Ribadensario» de Paraje Manso, editado por Libros Lar tamén.

-Outro exemplo de cando alguén toma a iniciativa. Neste caso foi por parte da súa familia.

«Ata agora levamos editados unha ducia aproximadamente de libros»