«Non teño coche, morrerei sen telo... e co carné recén renovado»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Sen vehículo propio, Xesús do Breogán coñece a fondo a zona, que agora divulga a nenos

27 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar con Xesús Basanta, ou Xesús do Breogán, é falar tamén cun gran coñecedor da comarca en xeral e en particular dos diversos tesouros de Foz, a súa lugar de orixe, e arredores. Este mes anda a divulgalos no colexio O Cantel.

-Son preguntóns os nenos?

-(Ri) Antes de empezar eu xa me están levantando o dedo para facer a pregunta. Falando do mundo do pan un igual xa che di «eu non podo comer pan que mo sacou o médico». Ou, da basílica... «eu xa estiven alí». Son moi espontáneos e fan preguntas curiosas. Outras son simpáticas. Da última vez no Cantel preguntáronme se era irmán de Celestino Varela, o director, porque todo Dios me confunde fisicamente con el.

-Dise que temos un dobre no mundo. O seu está aí, logo.

-El naceu en Trabada e eu en Foz. Eu dígolle ‘meu irmán’.

-Como fai amenas as charlas?

-Contándolles algún segredo polo medio, que non é segredo, ou contándolles un conto polo medio. Por exemplo falando da basílica de San Martiño lles dis que no capitel están a fábula do rico epulón e o pobre Lázaro, Adán e Eva, a decapitación de San Xoán Bautista e lles contas por que foi iso... o que narra a Biblia. Failles graza cando lles presento os canciños da basílica. Uns son eróticos. Así non llelo digo pero danse de conta... e murmurean entre eles. Son moi intelixentes pero a veces a falta de liberdade non lles deixa expresarse como quixeran, porque temos uns tabús... No medievo o sexo era a cousa máis normal do mundo, de aí que en moitas igrexas do prerrománico e incluso románico aparezan figuras eróticas, fóra. Víano só no sentido de procrear.

-Moito sabe da zona... e segue sen ter coche. O último en 1980. Un 600.

-Non teño coche, non, e morrerei sen telo... e co carné do peto. Ademais, recentemente renovado!

-Sóese descoñecer o que temos preto da casa?

-Tristemente houbo xente que foi a Cuba, outra vai a Canarias e Baleares ou coñece Portugal coma a palma da súa man pero pregúntanlles como se vai para As Catedrais e algúns non saben dicir. Quen sabe que detrás do depósito da auga en Foz, onde está o letreiro de Foz en letras grandes, hai un pazo do século XVIII?

-Pois as letras si que se ven! Pensa que non valoramos ou coñecemos ben o noso?

-Esas letras vense dende a miña casa. Cando fixen a presentación de paisaxes da Mariña e arquitectura popular, a xente de Foz era a que menos foi a ela e os poucos que foron alucinaron porque non viran moitas cousas como o Salto de Coro ou a Fervenza, de Mondoñedo. Hai pouco, levei a un matrimonio que vive en Foz dende hai 40 anos e funlles ensinar Santo Estevo do Ermo en Barreiros e o Pico da Lebre en Foz. Canta xente hai que non coñece o Barrio dos Muíños mindoniense e a histórica Ponte do Pasatempo, que non foi á Frouxeira en Alfoz, cando a última páxina do medievo en Galicia se escribiu aí, ou que os frescos máis antigos están na basílica de San Martiño... Hai moito descoñecemento da Mariña e creo que un 90% descoñece o que ten ao lado da casa(...) Penso que os que non necesitarían ir a unha oficina de turismo son os que van a ela. Agora en Burela fanse rutas xeolóxicas. Eu xa as fixera en Foz, identificando máis de 300 nomes de rochas, puntas e calas. Os metacrilatos acabaron arrincados e nun almacén... e estiven uns seis anos facendo ese traballo.

-Tamén ten moitas fotos.

-Só antigas de Foz, sobre 10.000. Sempre estamos co «xa o verei» pero a morte aparece cando menos o esperas... Ao mellor despois de morto (bromea) tamén pode que aparezas noutro planeta e che pregunten de onde es. Direi ‘son de Foz, da provincia de Lugo’.