Tráfico con poesía

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

25 abr 2017 . Actualizado a las 18:30 h.

O vindeiro 1 de maio o panel luminoso da DXT instalado pouco antes do desvío da A6 cara a costa á altura de Begonte deixará de anunciar o corte da A8 por mor da néboa para reflectir poesía. Camiñas sobre as pedras. / Escoitas música falada. / Excítaste e pensas. / Que é? / Mondoñedo. / Mondoñedo é Poesía.

A LU-124 estará perfectamente asfaltada cunha alfombra vermella para indicar o camiño que conduce ás prazas, rúas e auditorio “Pascual Veiga” no que as palabras bailarán ao ritmo que marca o seu acento. Segue o camiño. Que é poesía?, preguntas / mentres te apoias na barra / e saboreas un petisco de empanada de pito. // Que é poesía? / Mondoñedo. / Mondoñedo é Poesía.

Os indicadores da N-634 trocarán os topónimos por poemas que levan nomes de lugar no seu interior. Coa base harmoniosa do barullo da xente e o rincho dos cabalos soa unha voz. / E logo que é?/ Mondoñedo. / Mondoñedo é Poesía.

O aquelarre vespertino de poetas e cantores percorrerá diferentes lugares máxicos e transgresores como fan no Monfadal pola noite de San Xoán as meigas do val da Mariña. E percorrerán un camiño que os leve ao auditorio do home que fixo que espertara o día, logo de untar os seus corpos con touciño. Mirarán con Cunqueiro o Bosque de Silva. Beberán con Leiras a auga máxica da fonte de San Xoán. Deixarán aparcadas as vasoiras de xibarda na praza de Jaime Cabot. E ás sete en punto, logo de xuntarse coas meigas chegadas doutras partes, iniciarán o reparto das moscas e das pulgas para todo o ano.

Aínda que sexa serán primaveral e non noite de invernía, se é preciso iremos a Cesuras na procura dunha rapaza máis feiticeira que as froliñas que nascen na primaveira.

Pase miña señora, e tamén a abrula e o fero acivro e a margarida sinxela e os toxos bravos, pasen todos e senten uns ao carón dos outros; a peta non está botada nesta Frouxeira. Non nos imos queixar e menos cobrar contas vellas.

Agora non digan que non foron avisados. Xa o saben. O vindeiro luns, 1 de maio celebrarase a cuarta edición de Mondoñedo é Poesía, un festival no que participarán, ademais dos gañadores da última edición dos premios “Leiras Pulpeiro” e “Díaz Jácome”, Eva Veiga, Manuel Rivas, Ana Vila, Xavier R. Baixeiras, Antón de Guizán, teremos regueifa con Trioliro e a poesía feita canción de Paloma Suanzes.

Nas rúas e prazas soarán os versos de Marina Oural, Carmen Lage, Carmen R. Lage, África Sánchez e Eva García, entre outros. E nesta cuarta edición lembraremos a Don Eduardo Lence-Santar y Guitián, que tamén foi poeta ademais de Cronista oficial de Mondoñedo.

Nos últimos anos, nas feiras e festas das Quendas o normal é traficar con poesía.