«Debuxo como satisfacción persoal, sen pretender máis»

J.A. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

JOSE ALONSO

Autor dun libro de contos e dun ensaio sobre a posguerra, promoveu a homenaxe a Miro Casabella

24 abr 2017 . Actualizado a las 22:22 h.

Arturo Mogo, nado en Ferreira do Valadouro e afincado en Ribadeo, traballou corenta anos como funcionario, 26 deles na Oficina de Emprego de Ribadeo, e dende fai un tempo, xa xubilado, explora con máis intensidade as súas inquedanzas artísticas en diversas disciplinas; narrativa, poesía, debuxo, pintura... Nestes días expón unha selección de trece debuxos na Cafetería Mediante de Ribadeo.

«Antes dedicábame ao debuxo nun tamaño folio, pero agora decidinme a facelos en tamaños máis grandes. Tamén antes eran só en branco e negro, e agora introduzo cor. É unha evolución que vou experimentando cun resultado, coido, satisfactorio», sinala.

-Vostede é autodidacta.

-Totalmente.

-E como definiría o seu estilo.

-... Raro. Son debuxos que responden a unha visión abstracta, onírica. Collo un bolígrafo e fago uns trazos. Sobre eses trazos vou edificando composicións. É un exercicio de construción e reconstrución, ata dar con un debuxo co que estou de acordo.

-O seu é un caso dunha persoa con inquedanzas artísticas que se decide a dar o paso de presentalas en público. Porque tamén escribe.

-A escritura gústame moito, tanto en artigos e contos como en poesía. Certamente penso que é unha disciplina plenamente satisfactoria para a persoa que a practica, que me enche por completo.

-E ten un libro publicado.

-Si, sobre un veciño de Ribadeo que era moi mentireiro. Algunhas das anécdotas que protagonizou son míticas. O libro titúlase Contos dun ribadense. Desiderio Palazón, no que recompilo unha serie de artigos xa publicados en medios e máis contos que eran inéditos.

-E traballa en algo agora?

-Si. Non é un libro de contos; é da época da guerrilla nesta zona da Mariña, da posguerra, cando os fuxidos se botaron ao monte. Teño feito un traballo onde se recolle a situación que se viviu nesta zona da Mariña, e particularmente esténdome máis no caso do asasinato do falanxista chamado O Pinguelo, en San Acisclo (Foz).

-Vostede tamén foi un dos promotores da homenaxe a Miro Casabella no Valadouro.

-Certo. Estou ledo de como saíu a homenaxe, pero tamén estou certamente indignado de que por culpa do veto dun concelleiro do Partido Popular Miro Casabella non fose recoñecido como fillo predilecto de Ferreira, por canto o cantor Miro Casabella sempre levou as verbas Ferreira e O Valadouro alí por onde actuou. Sempre foi un embaixador da súa vila, e reitero que pola postura dun concelleiro do Partido Popular que para min se escudou unicamente en diferenzas políticas co cantor, porque sabe que Miro Casabella sempre foi unha mente de esquerdas contraria aos postulados do Partido Popular, votou en contra do seu recoñecemento.

-Para quen debuxa Arturo Mogo?

-Para min e para a xente á que lle pode gustar o que fago. Eu pinto como afección e como satisfacción persoal, sen pretender nada máis. Expoño os meus debuxos porque sempre pode haber alguén a quen lles guste e iso para min é un motivo de satisfacción. Non busco nada máis. Non teño ningún afán materialista.