Eduardo Lence Santar y Guitián, o mellor cronista oficial de Mondoñedo

ANTONIO REIGOSA

A MARIÑA

Exerceu este cargo honorífico durante case 43 anos, dende o 25 de abril de 1917 ata o 14 de xaneiro de 1960

24 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de abril deste 2017 cúmprense cen anos do nomeamento de Eduardo Lence Santar y Guitián como Cronista oficial de Mondoñedo. Exerceu case corenta e tres anos este cargo honorífico, sen remuneración nin contraprestación de ningún tipo, coa entrega dunha encomenda profesional desde o 25 de abril de 1917 ata o seu falecemento, acontecido o 14 de xaneiro de 1960.

Foi o primeiro e, ao meu parecer, o mellor cronista que tivo Mondoñedo, se entendemos este oficio como se entendía no seu tempo; desempoar arquivos e documentos da historia local, desenterrar a memoria gloriosa do pasado e, tras un tratamento de gabinete axeitado, divulgar ese saber para proveito das xeracións do presente e do futuro. Como investigador deu ao prelo ducias de publicacións e ensaios, escribiu centos de artigos nos que tratou de case todo, do divino e do humano relacionado coa historia ou a arte, a etnografía ou a literatura popular e culta, biografías e crónicas do acontecer cotiá, desde unha montería, unha feira ou unha romaxe. A el lle debemos os mindonienses boa parte do que sabemos de nós mesmos e dos nosos devanceiros. E tamén foi poeta en galego e prosista en castelán, ademais de promotor de múltiples actividades de corte social, relixioso e cultural, editor de xornais, conferenciante e cicerone.

Naceu en Mondoñedo o 16 de xullo de 1879, criouse entre Portomarín e Sarria, residiu un tempo en Lourizán e Compostela e regresou a Mondoñedo onde, logo da morte dos seus proxenitores, viviu só, sen mellor compaña que as cuartillas de notas e os vellos libros e documentos que tanto amaba.

Pouco despois do seu nomeamento como cronista J. López Sánchez dixo del que era «ferviente propagador de nuestro regionalismo», e aínda que non foi especialmente significativa esta faceta na súa biografía, cómpre lembrar que no outono de 1917, cando se constitúe en Mondoñedo a Irmandade da Fala local, foi elixido conselleiro primeiro. E pouco despois o seu nome figura entre os asinantes do Manifesto Nacionalista elaborado na I Asembleia Nazonalista que tivo lugar en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918. Estivo, soubo estar, nas remudas de importancia da nosa historia.

Numerosas anécdotas

De Lence circulan e dan para contar numerosas anécdotas referidas á súa forma de vida, ao seu carácter un chisco agre, ao seu aspecto físico de barbado cabaleiro doutrora. Por todo isto e moito máis o

Mondoñedo é poesía 2017

do próximo 1 de maio vai comezar cunha modesta homenaxe a Lence diante a súa tumba no Cemiterio Vello. A ofrenda, humilde, non podería ser outra que un ramo de brancos caraveis como os que viu florecer Cunqueiro en «el breve huerto que fue de Lence» a primeiros de abril de 1960.

Lence, insisto, foi o gran cronista da Moi Nobre, Leal e Fiel Cidade de Mondoñedo, ademais de Comendador da Orde Afonso X e Publicista, segundo reza a súa esquela. Dígoo sabedor de que o sucederon nada menos que un xenio da fabulación como Álvaro Cunqueiro, o competentísimo xornalista e gran poeta Xosé Díaz Jácome, e o rigoroso e respectado historiador e profesor, Francisco Mayán.

*Antonio Reigosa é o cronista oficial de Mondoñedo.