Preto de 40 maiores do Valadouro e 80 de Xove reciben Axuda no Fogar

S.C. / D. G. O VALADOURO, XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

O presidente da Deputación, Darío Campos, visitou onte ambos concellos

19 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación, Darío Campos, xunto ao alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, informou onte sobre os 331.000 euros do orzamento deste ano que o Goberno provincial achegou aos veciños deste municipio «para mellorar a súa calidade de vida». Campos Conde destacou que «triplicamos a nosa achega no Valadouro, facendo que hoxe sexan preto de 40 os maiores deste municipio que reciben atención nas súas casas». 23.100 euros destinou o executivo provincial á tamén coñecida como Axuda no Fogar.

Campos e Maseda tamén visitaron a unha usuaria do servizo de Teleasistencia que o Goberno da Deputación ofrece aos maiores dos municipios lucenses a custe cero «porque a Teleasistencia da Xunta de Galicia, ademais de obrigar ao copago por parte dos usuarios, só atende ás persoas catalogadas como dependentes, deixando, polo tanto, a moitos veciños con necesidades reais excluídos», sinalaron. A Deputación tamén destinará 56.000 euros para poñer en marcha un plan de mellora integral das estradas do casco urbano do Valadouro, entre outros servizos.

Por outra banda a Deputación mellorou aos 3.400 veciños de Xove as súas dotacións públicas con máis de 600.000 euros do orzamento de 2016. Así o avanzou Darío Campos onte na visita a Xove, acompañado polo alcalde, Demetrio Salgueiro; ambos supervisaron as actuacións que financiou o executivo Provincial neste municipio. Unha delas foi a dotación, con 250.000 euros, de herba artificial ao campo de fútbol anexo ao municipal, no que cada semana adestran e xogan 200 persoas. O presidente estivo con veciños de zonas rurais onde o Goberno provincial arranxou con 270.000 euros o firme de estradas municipais e o alumeado da avenida Deputación (20.300 euros). A Deputación achegou 20.000 euros para asumir o Servizo a Domicilio de 80 veciños deste Concello que non reciben «nin un euro da Xunta porque non están como dependentes».