Jorge Salgado abre este martes as Xornadas da Arte na Mariña

s. c. / d. g.

A MARIÑA

. x. ramallal

Ás 20.30 J. Salgado, arquitecto recoñecido, falará do patrimonio arquitectónico en Foz, no Cenima

17 abr 2017 . Actualizado a las 20:18 h.

Este martes 18 de Abril, ás 20.30 no CENIMA de Foz, a asociación cultural A Pomba do Arco arranca a segunda edición da súas Xornadas “Sentirmos a Arte”, no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, que comezará coa intervención do arquitecto Jorge Salgado.

Jorge Salgado Cortizas, natural de Cabanas de Bergantiños, onde a día de hoxe ten instalado o seu estudo, licenciado en arquitectura pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, é autor dunha recoñecida obra arquitectónica pola que recibiu diversos premios e galardóns tanto en Galiza como no Estado. A súa obra foi exposta en diversos encontros ou beniais como a Bienal de Venecia 2000, Galicia XXI Architecture Washington 2.004 ou Avance Dunha Continxencia CGAC Santiago de Compostela 2007, merecendo asemade diversas mencións en publicacións especializadas tanto galegas como estranxeiras.

O relatorio de Jorge Salgado Cortizas titulado “ O oco que non acouga” servirá para dar un repaso e divulgar a obra do arquitecto de Cabanas de Bergantiños, referíndose por unha banda as súas edificacións ou construccións máis singulares e por outra banda a determinadas actuacións urbanísticas proxectadas polo arquitecto bergatiñán. Algunhas das propostas neste ámbito, que nos últimos tempos mereceron galardóns e foron seleccionadas, son os Pepris de determinadas localidades e cidades galegas así como a proposta de reforma e mellora da área de San Caetano en Santiago de Compostela.

Unha vez rematado o relatorio abrirase paso a un debate sobre a mesma no que os asistentes poderán formular ao poñente as preguntas que considere oportunas e debaterase entre os presentes sobre a técnica, a disciplina e as funcionalidades do seu traballo.

As xornadas Sentirmos a Arte terán continuidade o mércores 19 de Abril ás 20.30 no CENIMA de Foz cun relatorio a cargo da crítica de arte Mercedes Rozas -colaboradora de La Voz de Galicia-, baixo o título de “Muller e arte de resistencia”.

No Cenima pode verse tamén a mostra colectiva de artistas mariñanas, «Ser visibles», que xunto coas charlas que comezan hoxe completa a Semana das Artes. A exposición colectiva foi moi visitada a pasada semana e é un expoñente da creación artística da zona.