«As rutas xeolóxicas son unha maneira innovadora de facer turismo»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

X. F. RAMALLAL

O Concello de Burela ofrece dúas por A Marosa e O Perdouro nesta Semana Santa

11 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un excelente plan de Semana Santa que se sae fóra do guion clásico pode ser facer unha das rutas que organizou o Concello de Burela: unha será por montes burelenses o sábado con Pedro Rolle, de O Freixo dos Lobos, de guía, e dúas xeorutas por A Marosa e O Perdouro. Estas comezan hoxe, a diario ata o 14, co xeólogo Francisco Canosa ensinando as marabillas do litoral rochoso. É unha iniciativa financiada polo GAC A Mariña-Ortegal. A saída: 10.30 (o venres 16.30), Oficina de Turismo. Chamar ao 982 586 000.

-No seu blogue hai máis xeorutas: Viveiro, Foz, Ribadeo, Ourol.

-No blogue está a de Burela, que está funcionado. En Ribadeo, que foi en 2015 o primeiro concello de Galicia en ofertar rutas xeolóxicas guiadas, están xestionando para este ano. Dende o ano pasado están pedidas en Viveiro e coido que a idea é poder facelas, a nivel de concello. Espero que en Viveiro vaia para diante. Unha delas sería en Area, tamén coa intención de falar da problemática da perda da area, contar cousas prácticas. Estas visitas, en xeral, están pensadas para que a xente poda ter unha percepción real do que acontece no entorno e información do seu pasado.

-Outra, en Ortegal, é a xeoruta da praia de area negraa. Semellan os areais volcánicos de Canarias!

-Pero é todo o contrario. Esa é a singularidade. Aí pódese coñecer a única praia de area negra non volcánica do planeta.

-Pois relativamente está ao lado, como o banco de Loiba. Será outro fenómeno turístico?

-Si, aí ao lado... Traballei nas rutas de Ribadeo e sei o impacto que poden ter cousas coma esas e o está a ter. Conseguimos que se visite de forma controlada en grupos. Penso que cunha boa xestión dun espazo natural chámese As Catedrais ou Loiba, pódese evitar o que está sucedendo.

-Ao final, todos queren ir alí.

-Nas Catedrais un grupo dicíame que era interesante a xeoruta e que todos os que ían ver a praia tiñan que facela. Eu dixen que moita xente ao que vén é a facerse unha foto. Rematada a frase preguntoume unha turista ‘onde está o sitio famoso onde se saca a foto?’ É unha realidade. A ese turismo de masas, que por desgraza non é o máis favorable, hai que enganchalo ou ofrecerlle alternativas. Coñezo ben a problemática das Catedrais. Todas as Administracións teñen que ir da man. Sei que en Ribadeo hai vontade, pero creo que a xestión que se está facendo non é correcta.

-Centrándonos en Burela, que éxito tiveron as xeorutas en verán?

-A ocupación fora do 100 %. Foron máis de 300 persoas nun total de once xeorutas feitas.

-Mantense o interese agora?

-Penso que si. As rutas xeolóxicas son unha maneira innovadora, distinta e diferente do que se facía ata agora de facer turismo. Os datos falan. Van incrementando. O turismo xeolóxico tiñámolo esquecido en Galicia pero o potencial é enorme. De maneira divertida podes entender o que ves. Burela ten interese xeolóxico a nivel internacional. É o que se chama un geosite a nivel científico pero hai maneiras de poder achegar esa importancia á xente de a pé cunha xeoruta ou visita guiada.

-A rasa cantábrica comeza aí e... hai estruturas xeolóxicas de máis de 300 millóns de anos!

-A pesar de ser o concello máis pequeno da Mariña, e con menos quilómetros de costa dos costeiros, para a superficie que representa, porcentualmente Burela ten un patrimonio xeolóxico superior ao resto. En a penas uns metros podemos ver materiais totalmente distintos e estruturas xeolóxicas perfectamente conservadas que é complicado ver noutros lados. É un punto no que didacticamente, sobre todo os escolares, se poden entender de forma condensada conceptos xeolóxicos.