«O Deportivo foi a miña escola, alí formeime como porteiro e persoa»

Iván Díaz Rolle
IVÁN D. ROLLE RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Docobo xogou en tódalas categorías do fútbol, desde Preferente a Primeira División

09 ene 2020 . Actualizado a las 19:20 h.

Retirado hai unha década, Ramón Docobo (Ribadeo, 1962) foi, probablemente o mellor porteiro que deu A Mariña. Dende entón, a súa experiencia sirve para axudar a medrar ao fútbol da súa vila natal.

-Non logra desligarse do fútbol...

-Cando algo che gusta e estás a gusto é o que pasa. Agora boto unha man unha ou dúas veces á semana como adestrador de porteiros cos rapaces da SD Ribadeo e co Ribadeo FC.

-A súa experiencia será moi útil, non?

-É un punto a favor, pero tamén hai que ter un método, dar boas explicacións, facerse entender...

-Ve moi cambiado este deporte dende que vostede xogaba?

-Si, moito. Creo que na maioría das cousas a mellor. Aínda que hai cousas. O fútbol profesional, con partidos absolutamente tódolos días xa case cansa... O fútbol máis modesto sigue parecido, pero a nivel de adestramentos creo que progresou porque hoxe tódolos técnicos están moito máis formados e tamén se crearon escolas que fan que a base estea moito máis traballada.

-A súa posición, a de porteiro, quizais fose a que máis evolucionou.

-Hoxe pídese que o porteiro sexa un máis do equipo en tódalas facetas, comezando por sacar o balón xogado. Implantouse ese método a partir de equipos que gañaron. Probablemente á longa seguirá cambiando, aparecendo novos sistemas e tácticas. O porteiro que domina o xogo aéreo e cos pés ten un punto máis ao seu favor, pero o seu traballo, para min, principalmente, é parar, mandar e estar ben colocado.

«Oxalá tivese xogado moitas máis veces en Primeira, pero non calquera chega»

O arqueiro mariñán defendeu a camiseta de dous dos históricos do fútbol galego, Deportivo e Compos.

-Falemos da súa traxectoria. Como chegou ao Dépor?

-Cheguei ao Fabril cando o adestraba Vaz, e alí pasei catro ou cinco anos. Despois, subín ao primeiro equipo, pero nunca xoguei demasiado. Ata un ano fora cedido ao Lalín, en Segunda B. Alí adestroume Fernando Vázquez. Pero o Deportivo foi a miña escola, estoulle moi agradecido. Formoume como porteiro e persoa.

-¿Faise duro ser segundo porteiro tanto tempo?

-Claro que é duro traballar toda a semana para ao final non poder disfrutar sobre o campo o domingo. Un xogador de campo sempre ten máis opcións de entrar, nun posto o outro, o do porteiro é máis difícil de asumir. Ou es titular, ou non xogas.

-Que motivación se atopa?

-Cando es profesional tes que asumilo, e entender que só che queda traballar para acadar os teus obxectivos. Xogues ou non, é a túa profesión e tes a obriga de traballar. Antes ou despois, co tempo, chegan outras alternativas.

-A continuidade chegoulle no Compos...

-Foron anos preciosos. Ascender dende Terceira División ata Primeira é algo incrible. É unha experiencia que te marca. Pasado o tempo un dáse conta do complicado que é. É algo que estará aí, na historia, para sempre. É un orgullo formar parte daquilo, había moito traballo detrás.

-Lembra a súa estrea en Primeira?

-Claro. Foi contra o Valencia. Expulsaron a Iru e tiven que entrar. Mestalla, que era inmenso, foi... Algo tremendo. Lémbroo como algo único, irrepetible. Oxalá me pasase moitas máis veces, pero non calquera pode dicir que chegou a Primeira.

-Tivo outra oportunidade.

-Si, pola sanción a Iru xoguei contra o Tenerife. Gañamos 2-0 e conseguimos a permanencia.

-Antes falaba de Fernando Vázquez. Adestrárono homes clave na historia do fútbol galego. Castro Santos, Arsenio Iglesias...

-Teño grandes recordos deles. Con Castro Santos foron anos incribles, conseguimos unha xesta, pasando de Terceira a Primeira. E de Arsenio non vou descubrir nada. Como adestrador todo o mundo sabe o que foi, forma parte da historia do fútbol galego e español, e ademais era unha persoa entrañable.