Firmada a aprobación provisional do plan de protección do casco histórico de Ribadeo, agora falta o si da Xunta

O alcalde asegurou que durante o período de exposición pública foron presentadas 122 alegacións


RIBADEO / LA VOZ 21/03/2017 05:00 h

O pasado venres foi asinada a aprobación provisional do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo. Agora o documento deberá ser informado pola Xunta para posteriormente sometelo á aprobación do pleno.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, contou que «durante o período de exposición pública do Peprich foron presentadas 122 alegacións das que o 75% foron estimadas total ou parcialmente».

O rexedor destacou que «estes días vimos de dar outro pequeno grande paso con vistas a que o casco vello de Ribadeo dispoña dun planeamento propio. De feito o pasado venres asinamos a aprobación provisional do Peprich, o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo, o que é coñecido popularmente como o casco vello».

Os obxectivos

«Os obxectivos deste plan -continuou Suárez- son a conservación, o fortalecemento da identidade e a posta en valor da vila de Ribadeo co seu conxunto histórico, manter o uso residencial como un uso característico do casco histórico, contribuír á recuperación das actividades produtivas, e rematar a ordenación do borde oriental e dos demais espazos baleiros existentes neste casco vello, e a mellora dos servizos urbanísticos e de urbanización», explicou.

Suárez Barcia recalcou que «é moi boa noticia que ven despois dun proceso de traballo moi longo e intenso coa empresa redactora Eptisa, á que lle estamos agradecidos polo seu traballo, e esperemos que dentro de pouco poidamos falar non xa da aprobación provisional como é o caso, senón da aprobación definitiva».

Foi un proceso longo, houbo que ir aprobando un total de 23 informes sectoriais de diversas Administracións para chegar a aprobación provisional: «Si, houbo que ir adaptándose aos seus requerimentos -de Fomento, Portos, Patrimonio e Urbanismo, etc- e nalgúns casos envialos varias veces ata que finalmente todos foron favorables, de aí que puidéramos facer este paso, que é a aprobación provisional», sinalou Fernando Suárez.

Votación
2 votos
Comentarios