O premio do Festival Imaxiña 2016 é para Pablo Goás, do IES Alfoz-Valadouro

S.C. / D. G. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Quedaron finalistas Lucía Carreiras, do Valadouro, e Andrea Rivas, do Perdouro

16 mar 2017 . Actualizado a las 22:10 h.

O galardón do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2016 xa ten destino, vai para Pablo Goás, estudante de 3º da ESO do IES Alfoz-O Valadouro. A Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña deu a coñecer onte pola tarde os nomes dos gañadores na sede da entidade en Burela, da man do seu presidente, Marcelino Luna Almarza.

A edición de 2016 outorgou o premio de Fotografía a unha imaxe de Pablo Goás, de 3º da ESO, cunha orixinal perspectiva da Torre do Mariscal Pardo de Cela, de Alfoz. O xurado, composto polo artista viveirense David Catá e o fotógrafo burelao Héctor Manasé, tamén quixo destacar como finalistas os traballos de dúas alumnas de 4º da ESO: Lucía Carreiras, do Valadouro, co sol como protagonista, e de Andrea Rivas, do IES Perdouro, cunha imaxe ‘diferente’ do porto de Burela. O tribunal do concurso decidiu declarar deserta a vertente de vídeo.

«Nesta sexta edición do Festival Imaxiña a xuventude da Mariña volveu amosar unha excelente resposta, sobre todo dos IES Alfoz-O Valadouro e Perdouro. Esperamos seguir nesta liña e poder ir ampliando a difusión e repercusión da cita, incidindo sempre nas inquedanzas creativas da mocidade da Mariña», explicaba o presidente da Fundación.

As imaxes gañadoras exporanse nos institutos participantes ata o final de curso.