Francisco Otero, o rexicida frustrado

fran bouso

A MARIÑA

Nacido en Mondoñedo, no 1879 intentou asasinar ao rei Afonso XII e á raíña María Cristina de Habsburgo-Lorena

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día coma onte, o 14 de marzo, pero do 1860 naceu en Lindín (Mondoñedo), Francisco Otero González, un rapaz de escasas capacidades intelectuais que non soportaba o fracaso, soberbio e con tendencias suicidas que o 30 de decembro de 1879, intentou -sen éxito- asasinar ao rei, Afonso XII, e á raíña, María Cristina de Habsburgo-Lorena, un mes despois da voda real. Cento seis días máis tarde, o 14 de abril de 1980 foi axustizado a garrote vil. Cando menos resulta chocante a data, pois precisamente un 14 de abril, pero de 1931 (51 anos máis tarde) foi proclamada a Segunda República Española. De terse materializado o rexicidio, é moi posible que se creara unha situación que propiciara un alzamento republicano por non haber naquel momento herdeiro varón.

Con 15 ou 16 anos Francisco Otero marchou para Madrid en busca de fortuna baixo o amparo dun parente, algúns xornais din que un tío que, en todo caso sería político. Iniciouse no negocio da pastelería e logo de pasar por dous ou tres obradoiros como pinche, estableceuse pola súa conta en réxime de arrendamento (grazas á axuda económica do seu parente, un tal Francisco Seijas Arribas que traballaba como porteiro no Ministerio de Gracia y Justicia) nunha docería da rúa Milaneses, número 2. Da noite para a mañá, o 3 de decembro, alterou por completo os seus hábitos de vida, abandonou o negocio -que non debía funcionar moi ben- e comezou a frecuentar tabernas en ambientes nocturnos da Cava Baixa nos que ten comentado as súas intencións suicidas e, parece ser que algúns coñecidos o empuxaron a preparar o rexicidio: “se te vas matar, faino matando e enchéndote de gloria”. Non era o primeiro atentado ao que sobrevivira o monarca Afonso XII, en outubro de 1879, o anarquista catalán Juan Oliva Moncusí xa o procurara.

Polo Retiro

Os feitos aconteceron pasadas as cinco da tarde do xa mencionado 30 de decembro de 1979. Ao volver o rei de dar un paseo polo Retiro, acompañado da raíña María Cristina de Habsburgo-Lorena, nun coche de cabalos modelo faetón que guiaba o propio monarca, Francisco Otero saíu de detrás dunha das garitas de pedra da porta de Infantes, achegouse á carruaxe apoiando o seu brazo no garda-barros do vehículo e disparou unha pistola de dous canos que era do sistema Lefaucheux. Na primeira detonación, o aire caldeado polo proxectil foi sentido polo rei quen, instintivamente agachou a cabeza e levou a man ao pescozo. Nese momento a raíña, soltando un agudo berro, abrazouse ao seu marido pensando que estaba ferido. Estes movementos reflexos impediron que o segundo proxectil os alcanzara, a pesar de pasarlle a bala á raíña a escasos milímetros da súa fronte. Os monarcas saíron ilesos e o cocheiro, que non ía guiando nese momento e que se acomodaba no asento posterior da carruaxe sufriu queimaduras no pelo a causa dun dos disparos.

Instantes despoi, Otero foi atrapado polos sentinelas de Palacio, axentes da orde pública e particulares que se atopaban nas inmediacións para presenciar a chegada dos monarcas. Inmediatamente foi posto a disposición xudicial e trasladado á prevención do distrito, situado na rúa Balién.

Os xornais madrileños da época: “La Correspondencia”, “La Gaceta Universal”, “Los Debates”, “Diario Español”, “El Imparcial” e “El liberal” axiña levaron ás súas páxinas os feitos acontecidos dando detalles minuciosos de como sucedeu a tentativa de rexicidio. Os tabloides madrileños cadraban na descrición de Francisco Otero, un mozo duns 18-20 anos, baixo de estatura, imberbe, pel de cor branca que vestía pantalón escuro, chaqueta castaña, gorra negra de seda, gravata grana, camisa sucia moi arrugada e chaleco negro solto.

Durante as horas posteriores ao rexicidio frustrado foron detidos Antonio Pérez Cobos, pasteleiro de profesión e Antonio García, augardenteiro de 35 anos de idade, supostamente como instigadores do intento de asasinato. Estes individuos adoitaban frecuentar as mesmas tabernas que Otero. Pouco despois quedaron en liberdade por non aparecer cargos contra eles, así o recolle o xornal “La Ilustración Española y Americana”.

Debido á morte -acontecida o mesmo día do atentado- do dramaturgo, académico e político López de Ayala, a parella real tiña previsto pasar a noite en Palacio, en sinal de dó. Pero, despois dos feitos e como mostra de normalidade, a familia real asistiu noite á ópera onde foron recibidos con grandes ovacións.

«Mi intención no fue la de quitar la vida al rey»

Ás 11.15 horas do 7 de febreiro de 1880 iniciouse no xulgado de Palacio a vista do xuizo contra Francisco Otero acusado por delito de rexicidio frustrado. Tanto a defensa coma a acusación cadraron en que Otero non tiña ideas nin opinións políticas, non pertencía a ningunha asociación e non gardaba rancor persoal ao monarca nin á institución real, unicamente sentía en relación a isto que “La provincia de Lugo sea la menos atendida de España”, tamén aclarou que a discriminación á súa terra non foi o motivo que o levou a cometer o delito.

A causa constaba de 608 folios, 102 pregos da defensa e 36 da acusación. A primeira petición que formulou a defensa consistiu na declaración de Francisco Otero exento de responsabilidade criminal acolléndose ao punto primeiro do artigo oitavo do Código Penal vixente na época que fora aprobado un ano antes. A desfensa, exercida polo avogado Francisco Martínez Fresneda, tentou demostrar que o seu defendido era “imbecil”, é dicir, que tiña as súas facultades mentais mermadas. Para isto valeuse da peritaxe dos expertos alienistas (médicos especializados no estudo e curación de enfermidades mentais) José Esquerdo e Ramón Félix Capdevila. Actuaba como procurador Constantino Rodero. O fiscal da causa, González de Tejada contaba, ademais, coa peritaxe dos médicos forenses (non especializados nos problemas da mente) Joaquín Sicilia y Gallego e Mariano Esteban Arredondo.

Durante o período de instrución, Otero fixo declaracións autoinculpatorias porque “deseaba morir”, pero no transcurso da vista oral declarou que “ mi intención no fue la de quitar la vida al rey, si no la de dar un gran escándalo para que me mataran los centinelas que que no me encontraba con valor para suicidarme y temía quedar imposibilitado y no muerto”. O fiscal argumentou, co apoio dos forense da súa parte, que Francisco Otero non era imbécil nin estaba tolo porque era “capaz de discurrir”. Fresneda despois de escoitar isto dirixiuse ao tribunal argumentando que se o fiscal fose a un manicomio, ben seguro que trasladaría a tódolos internos ao presidio, “puesto que discurren”.

O 10 de febreiro ditouse a sentenza que o condenou a morte. Alfonso XII solicitara o indulto, pero o Consello de Ministros presidido por Antonio Cánovas del Castilo negouse a concedelo. Un dos que foron recibidos en audiencia polo Rei Afonso XII e a súa familia para pedir clemencia foi o deputado en Cortes por Mondoñedo, Cándido Martínez.

A familia «dos Castillo», posiblemtente por herdanza dun antepasado

O rexicida frustrado era fillo de José Otero Alonso, natural de Lindín e de Josefa González, nacida en Santa Marta de Meilán (Riotorto) no ano 1832. O pai de Otero falecera a mediados de outubro de 1979 aos 50 anos de idade, era un home enfermo que padecía ataques de epilepsia.

Francisco tivo sete irmáns, tres morreran, dous deles debido a accidentes epilépticos. Unha irmá chamada Luisa Otero (bautizada o 22 de setembro de 1854) tamén residía en Madrid, curiosamente fora criada -antes do antentado- na casa do xeneral Martínez Campos. José Otero González, residiu en Madrid, ata o día 13 de outubro de 1880 que foi trasladado a Lugo por indocumentado. Os outros irmáns, que no momento do atentado vivían en Lindín, eran Ricardo, de 13 anos e Remedios, de 7.

A edificación non existe

A familia Otero González tiña casa no barrio do Castro, en Lindín. Na actualidade a edificación non existe como tal, foi mercada pola familia coñecida como os “Do Valadouro” e de dúas casas fixeron unha. Eran coñecidos polo alcume de “Os de Castillo”, posiblemente por herdanza dun antepasado de José, así está recollido en varios xornais galegos da época.