«A nosa traxectoria é moi boa, pero aínda podemos dar máis»

A MARIÑA

BENITO ORDOÑEZ

«Por calidade, algúns partidos deberiamos gañalos con máis solvencia», cre o adestrador do equipo feminino do Pescados Rubén-Burela

14 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O equipo feminino do Pescados Rubén-Burela sacou adiante o compromiso na pista do UCAM Murcia, pero a vitoria por 4-5 non foi suficiente para que o seu adestrador volvera á casa totalmente satisfeito co xogo despregado. Iván Cao, Lucas, puxo reparos ao rendemento dunhas xogadoras ás que lle pide «máis regularidade». «Por calidade, algúns partidos deberiamos gañalos con máis solvencia», sinala o técnico dun conxunto que segue na cuarta posición e estira a súa vantaxe sobre o quinto.

-Canto lles custa gañar partidos... Máis da metade das 13 vitorias que levan foron pola mínima.

-Este ano parece que estamos condenadas a sufrir en cada partido. Temos que ser máis regulares e poñer máis intensidade e orgullo cando se nos presenta a oportunidade de matar os encontros. Levamos dúas xornadas rendendo por debaixo do noso nivel, faltounos regularidade e perdemos eficacia defensiva.

-¿E iso? ¿Empeza a aparecer o cansazo nas xogadoras con máis peso no equipo?

-Pode ser. Ademais estamos adestrando con vistas a chegar a tope á Copa de España, acumulando moita carga de traballo, e iso tamén as desgasta. Agora é cando necesitamos que as máis novas dean un paso adiante en cada en partido, que sexan máis constantes na súa aportación ao equipo. Medran, pero deben amosar máis regularidade.

-Compiten mellor cos grandes que cos rivais que son inferiores.

-En certo modo é lóxico. Contra os grandes non expoñemos tanto e así é máis fácil.

-O Burela é cuarto con 41 puntos en 20 xornadas. ¿A cousa vai mellor ou peor do que pensaba cando arraincou o campionato?

-A nosa traxectoria é moi boa, pero aínda podería ser mellor. Podemos dar máis. O Pescados Rubén-Burela sempre ten que saír cas máximas aspiracións; se non se pode ser campión, ser segundo, e se non se pode, terceiro... Pero ca plantilla que temos este ano, con moitas xogadoras en formación, creo que non se nos pode esixir moito máis.

-¿Con esta plantilla pódese gañar a Copa de España?

-O noso obxectivo será ese. O Atlético de Madrid está intratable, o Alcorcón é un equipazo e o Universidade de Alicante está facendo unha gran tempada, hai equipos que partirán con máis posibilidades. Non vai ser fácil, e menos nun torneo con oito equipos que se nos pode facer longo, pero estou seguro que daremos a cara. Soñar é gratis e nós soñamos co título.

-Posiblemente volverá a disputarse en Galicia. Poio sona con forza como sede.

-Sería un gran noticia. Galicia e unha potencia no fútbol sala feminino e leva anos facendo una aposta forte polo noso deporte.