O Valadouro, desfile de entroido este domingo

La Voz O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

22 feb 2017 . Actualizado a las 12:56 h.

A Concellería de Cultura do Concello do Valadouro organiza os actos de entroido neste ano 2017; o desfile principal terá lugar xa este vindeiro domingo, ao igual que en Burela.

«Empezará o desfile de antroido o domingo día 26 de febreiro coa saída do Parque Concepción Arenal ás 17:00 da tarde -informan desde a concellería de Eduardo Chao-. As categorías que entran en concurso son infantil individual, infantil parella e infantil grupo e por outra banda as categorías de adulto, individual, parella e grupo que loitarán por premios por un importe conxunto de máis de 1.500 euros. Para os nenos haberá un inchable infantil e para todo o público ao remate da xornada, música co grupo Mayel Trío».

O martes, enterro

O martes, 28 de febreiro, ás 20:00 horas terá lugar o Enterro da Sardiña no Valadouro, con saída da comitiva fúnebre desde o Parque Concepción Arenal e percorrido polas rúas da Veiga, Avda de Viveiro, Andrés López Palmeiro ata a Praza.

«Aquí -explican- haberá o Xuizo e lectura de coplas recollidas nos locais hosteleiros entre o 20 e o 26 de febreiro e logo sorteo dunha cesta doada polos locais. Finalmente haberá reparto de balde de bolos preñados e viño amenizados polo grupo Tribal. A organización prega acudir a este evento con roupa escura».