«Facer cine está moi díficil»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA XOVE / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Continúa coa campaña de «crowdfunding» para a súa primeira longametraxe

21 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de abrila o pasado día 3 para financiar a súa primeira longametraxe, Nove de novembro, o director de cine xovense Lázaro Louzao descrebe como descorre a súa campaña de crowdfunding con recompensas (micromecenazgo): “Agora penso en superar a meta todo o posible. Tiñamos 7.000 euros xuntados de outros xeitos e co crowdfunding levamos máis de 6.000. Aínda queda, porque o ideal sería xuntar preto de 20.000 euros”.

-Por que se decantou pola fórmula do crowdfunding?

-Creo que o crowdfunding vén a suplir bastantes carencias de axudas no entramado industrial do sector, que é pequeno e onde se cobra moi pouco. Mediante pequenas aportacións podes xuntar boas cifras.

-Non hai moito na gala dos Goya comentouse publicamente que só un 8% dos actores en España viven só do cine.

-Pasa en todos os gremios do sector. E ese dato creo que é do ano anterior. Lembro outro, de que no país só había 20 directores que declaraban en Hacienda que o cine era o seu único ingreso.

-Que saída escolleu vostede?

-Son autónomo dende hai seis meses e fago tamén encargos corporativos. Entre pagar taxas, IVE, gastos de equipo, gasolina... neste tempo facturei pouco máis de 500 euros ao mes.

-Isto ten que ser amor á arte .

-Espero con esta película recuperar a inversión e conseguir facer contactos para que a seguinte vaia máis rodada. O sector está moi difícil.

-É a súa primeira longa, pero antes fixo...

-Antes, curmetraxes. Tres: Los seres sombríos (2013), CRAC (2014) e La luz que no vemos (2015). As curtas son a forma de ir collendo práctica, aprendendo a dirixir e ir facendo contactos para os seguintes proxectos. A inversión das curtas non se recuperan practicamente nunca. Por enriba, non se proxectan en cine, non se emiten en televisión... As que se rentabilizan é porque gañan premios en festivais.

-O seu colega, tamén de Xove, Xacio Baño, ten gañado algún.

-Gañou en Locarno, que é un festival potente.

-Ten trato con Baño, por certo?

-A verdade é que non nos coñecemos en persoa.

-Non vive en Xove, verdade?

-Agora vivo na Coruña e acabo de voltar de vivir en Barcelona e en Bilbao. Volvín porque non había traballo aló. Barcelona é como a meca de xente que fixo carreiras creativas pero está saturado. O problema do cine é que ao carecer de entramado industrial, a forma de facer cine hoxe é facelo ti mesmo. Case ningunha empresa ten capacidade de contratación. E a día de hoxe fago isto porque meus pais me suxeitan...

-Disque é a primeira longametraxe LGTB rodada en galego.

-Cando empecei a traballar no guión nin sabía que era a primeira. Cando levaba meses, dixéronme que nunca se fixera unha peli en galego de temática gai.

-Pois xa era hora!

-Non estou seguro de se non se fixo algunha de temática gai antes. Se é así, podería ser porque había certo tabú ou porque a produción de cine en Galicia era minoritaria. A historia do cine en galego é unha historia de excepcións porque non hai un volume continuado.

-E pensa seguir no cine...

-Sen dúbida, de feito estou pensando na seguinte.

-Defínase como cineasta?

-Paréceme algo cedo... Sempre penso no cine en forma poética, tanto na palabra como na imaxe. Son bastante prosaico.