«Lembro moito os duelos con Figo, sempre fixen bos partidos contra el»

IVÁN DÍAZ ROLLE VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

álvaro ballesteros

O agora técnico lembra con cariño os seus anos nun Compos do que aínda é socio

21 feb 2017 . Actualizado a las 21:33 h.

En San Lázaro aínda lembran con nostalxia os tempos nos que o seu equipo retou aos grandes titáns do fútbol nacional. O indiscutible dono do carril esquerdo daquela SD Compostela foi Ignacio José González Pacios, «Nacho» (Foz, 1967), un dos mellores futbolistas que deu A Mariña, agora reconvertido a adestrador, aínda que sen equipo desde hai dous anos.

-Lembrará ben eses tempos...

-Si, sobre todo pola importancia que tiven no equipo e por sentirme parte do seu crecemento. Subimos, con xogadores un pouco rebotados doutros clubs, e de repente fomos subcampións de inverno, gañamos ao Barça, ao Madrid... Tamén os inicios no Celta foron bonitos. Viña de Foz, de xogar contra o Viveiro, o Burela... E de repente estaba debutando na Copa da Liga contra o Espanyol.

-Que lonxe queda aquela etapa dourada do Compostela, non?

-Son socio, vou tódolos domingos a San Lázaro, e agora non hai máis ca 500 ou 600 afeccionados. Todo foi un cúmulo de cousas, unha desgraza. Os directivos créronse máis importantes que o club. A curto prazo é imposible repetir aquilo.

-Custoulle ter oportunidades no Celta. Era máis difícil entón para a canteira?

-Cando eu cheguei o Celta viña dunha tempada desastrosa na que baixara e para calmar á afección daban oportunidades á xente da casa. Agora ocorre o mesmo. Iago Aspas ou Hugo Mallo tiveron a oportunidade cando o Celta entrou en lei concursal e agora que as cousas van ben saen menos canteiráns.

-Trabállase mellor agora a base?

-Creo que é incuestionable que as canteiras galegas producen menos agora e, ás veces cuns niveis sorprendentemente baixos.

-Cambiou moito o fútbol desde a súa época?

-Sempre se evoluciona. O fútbol agora é máis rápido, pero peor tecnicamente.

-Quen foi o mellor xogador contra o que xogou?

-Messi é moi superior a calquera que eu poida dicir, pero xogar contra o Ronaldo do Barça foi algo espectacular. Ninguén máis podía facer o que el facía e a semellante velocidade. Romario ou Schuster eran moi bos, pero a unión de potencia e velocidade de Ronaldo era incomparable.

-Que se pensa cando a un lle marcan un gol como o del en San Lázaro?

-Estaba en primeira liña, mirando (risas). Os futbolistas do Compostela non éramos os mellores da liga, pero é que á semana seguinte fixo o mesmo aos do Valencia. Por sorte nunca tiven que marcalo, Ronaldo era imparable.

-Aínda así, tivo máis dun duelo difícil en Primeira, non?

-Moitos, pero os que máis lembro son con Figo cando estaba no Barcelona. Era un xogador que amagaba moitísimo e bastante rápido, pero creo que sempre fixen bos partidos contra el.

-Para adestrar, facilita as cousas ter sido xogador profesional?

-Hai casos de xogadores que foron internacionais como Ángel Cuéllar ou Jaime que comezaron a adestrar en Primeira Rexional. O fútbol en Galicia é así; é máis importante ter bos contactos que ser bo adestrador.

-Intúo que segue moi pendente do fútbol.

-Apetéceme volver adestrar. Esta tempada xa será complicado, pero sigo vendo moito fútbol e xogadores con vistas ao curso que vén. Tamén fun moito a Vigo ver adestramentos de Berizzo. Tiven algunha posibilidade no verán, pero unhas veces por situacións persoais e outras porque en Terceira é difícil atopar un club no que traballar a gusto...

-Cambia moito o chip cando un pasa de xogador a adestrador?

-Como futbolista saltar ao campo para competir é unha sensación incrible. Os que nos metemos a adestrador case sempre é porque é a mellor forma de seguir ligado ao fútbol. Tamén se pode desde os despachos, pero iso non vai comigo.

"Son como son, non entro na cabeza dos demais nin permito que entren na miña"

Do focense Nacho sempre se dixo que se alonxaba dos tópicos que perseguen aos futbolistas. O bo nivel que exhibiu no lateral esquerdo da SD Compostela fixo que soase con forza como un dos posibles convocados pola selección española para a Eurocopa de Inglaterra, en 1996. Unhas declaracións nas que confesou que non lle interesaba demasiado esa posibilidade descartárono e aínda hoxe dan que falar.

-Os medios acórdanse de vostede cando se dubida do compromiso dalgún xogador coa selección española. Moléstalle?

-Do meu pasado lémbrome polo deportivo. Do demais non teño nada que dicir. Son como son e teño as miñas opinións. Eu non entro na cabeza dos demais e tampouco permito que entren na miña.

-Chamárao Clemente?

-Prefiro non falar dese tema. Non lle dou voltas ao pasado. Sempre hai que mirar para adiante.

-Tamén se falou moito da súa dimisión como adestrador do Cerceda cando eran líderes de Terceira. As súas decisións seguen sorprendendo, non cre?

-Non considero que teña un carácter peculiar ou diferente ao resto. Só intento levar adiante as cousas nas que creo que teño razón. Ás veces hai que aceptar cousas que non che gustan, pero hai un límite que está na dignidade das persoas.