Os membros do grupo de teatro de Ribadeo serán os pregoeiros do entroido este sábado

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

A comisión quere que sexa "participativo, novidoso e fresco"

21 feb 2017 . Actualizado a las 21:37 h.

Unha vez máis Ribadeo celebra a Gala do Entroido, o día 25 de febreiro ás nove da noite no cine Teatro co pregón a cargo do Grupo de Teatro de Ribadeo. A comisión quere que «o Entroido 2017 en Ribadeo sexa moi participativo, novidoso e fresco», din.

Unha das novidades deste ano será a elección dunha temática concreta entorno á que xirarán a meirande parte dos eventos programados: “O circo”.

O programa de actividades dará comezo este venres coa cea de comadres, para continuar o sábado coa celebración da gala do Entroido, que terá lugar o sábado ás 21:00 horas no Cine Teatro. Unha hora antes a carroza do Entroido sairá do parque de San Francisco, acompañada dunha das charangas máis importantes de Galicia “Charanga Mekanika” e do grupo circense profesional “Malabaracirco” . Animan a todo o mundo a que se inspire nesta temática, ao igual que o farán os compoñentes da charanga a “Choca”, outros grupos carnavaleiros da vila e os establecementos da Zona Vella, e participen nas actividades programadas.

No entroido 2017 non faltará a comparsa do cocho, que o domingo 26 de febreiro, a partir das 12:00 horas percorrerá as rúas de Ribadeo.. O domingo haberá baile infantil no Rosalar e o martes será o gran desfile ás 17 horas desde a Avda. Rosalía de Castro.