«Cada tripulante novo da peña Os Larpeiros ten que traer dous cabritos»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Con 89 anos, Santiago da Puebla é o participante de máis idade no antroido de Foz

18 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda se lembra daqueles traxes de romanos que levaban os da peña Os Larpeiros no primeiro desfile. Santiago Pérez Mariño (A Pobra do Caramiñal, 1927), gañou nos últimos anos varios premios por ser o participante máis veterano no desfile do sábado de antroido de Foz, que este ano cumpre o seu 36 aniversario. Santiago da Puebla, como é coñecido na vila, forma parte da comparsa dos Larpeiros desde sempre e, xa antes de constituirse como tal, formaba parte dunha pandilla que ía disfrazada a Burela e tamén ó partido de fútbol do domingo. «No Campo [da Cabana] tiñamos de rapaces unha pandilla moi completa e, antes xa de haber desfile en Foz, saían os da familia do Bahía todos os anos. ¡E como eran tantos...! Desde a súa casa na Coruña ansía viaxar a Foz, aonde chegará o vindeiro venres para vivir ao grande o sábado de carnaval.

-Leva vinculado aos Larpeiros desde sempre...

-Antes eramos unha peña moi grande, de 42, e agora van quedando menos. Fóronse sumando fillos, pero faltan moitos. O que máis me entristece é ver como se foron moitos, mirar as súas sillas vacías....

-¿Ten algún recordo especial dalgún desfile?

-Non teño ningún recordo especial porque para min todos os desfiles foron moi bos. O malo é ver as sillas que faltan, as que quedan vacías cando nos poñemos a cear, a comer ou nas larpeiradas. Supérase, pero entristece.

-¿Por que lle gusta tanto o entroido?

-Non é que me guste porque non sei cantar nin nada diso, pero gústame moito disfrutar do bo humor, ver á xente cantando... Eu contribúo no que poido, para que non se perda a tradición. Que a xente me vexa a min e diga, ¡aí temos un exemplo, aínda vai Santiago ao carnaval! Pásoo moi ben nada máis que vendo aos meus compañeiros facendo falcatruadas. É xente de moito humor, xente boa, xente humilde... Dá gusto estar con eles.

-Pero en Foz parece que non hai moito problema de relevo xeracional...

-Vén vindo xente nova, en grupos, e iso é importante.

-¿E como vivían antes o carnaval?

-Antes había os bailes de pola noite con moi boas orquestras que viñan de fóra, de Asturias, de Pontevedra...

-Xa tiña sona a festa...

-O carnaval de Foz era moi bonito e celebrábase os tres días, aínda que o principal era o martes no Bahía. O sábado empezou a despuntar desde que empezou a celebrarse o desfile, e o domingo tamén había baile. E tamén houbo unha época na que había que andar coa cara destapada...

-Con Franco...

-En tempos de Franco podíase saír disfrazado, pero coa cara sen tapar.

-Ao igual que outras peñas ou comparsas de Foz, ¿pasan xuntos Os Larpeiros toda a xornada do sábado?

-Hai uns anos deixamos de ir cear, pero comer, comemos todos xuntos o día do desfile. E sempre no Lar, nunca cambiamos de comedor. Despois volvemos a xuntarnos antes de fin de ano e noutras fechas. E tamén para coller un novo tripulante. Cada tripulante novo da peña ten que traer dous cabritos. É obrigación. Eses cabritos preparámolos nunha cea no Lar.

-¿Cal foi a última incorporación?

-Fichamos a un rapaz de Burela que canta moi ben.

-¿É difícil entrar?

-Non é difícil, pero hai que coñecer algo á persoa que entra. Non pode entrar calquera. Faise unha cea antes e proponse o proxecto e decídese se si ou se non, e listo. E despois, que traia os cabritos e facemos a cea.

-¿Son os grupos os que lle dan forza ao carnaval focense?

-Totalmente, a unión de todos.

-¿E que lle dixo á súa neta (Carmen Alonso) cando saiu elixida raíña do entroido?

-Con vela disfrutar a ela, eu xa son feliz. Moito disfrutou e moito aínda está disfrutando. Aínda non o cre. Ela ten moito humor e é unha rapaza moi amiga das súas amigas.

«Moitos focenses esperan todo o ano polo carnaval como pola misericordia»

-Os Larpeiros fan carroza todos os anos, ¿consérvannas todas?

-Só o barquito dos vikingos que se leva á Festa Normanda. O resto das carrozas non se conservan. Cada ano faise unha carroza distinta. Aprovéitase parte do material para preparar a do ano seguinte e, como non hai moito onde almacenar, pois non se conservan...

-¿E de que van ir este ano?

-Dos Últimos de Filipinas. Na pandilla hai xente con moito inxenio, que discurren moito... Nunca me fallaron.

-¿Tiveron algún percance coa carroza nalgún desfile?

-Nunca tivemos nada. Houbo moitas veces que escapar pola choiva, pero a nosa carroza, que sempre se prepara na casa de Carlos «O Polaco», sempre saleu. Antes, o desfile chegaba do porto ao Rego de Foz.

-A pesar da idade e de que pode ter que facerlle fronte a unha tarde choiva, ¿que é o que o anima cada ano a sumarse a esta festa tan especial para os focenses?

-Os meus compañeiros dos Larpeiros anímanme moito para continuar. ¡E vou por velos! Pásoo ben, pero xa me costa ir porque se pasa frío. Pero ningún carnavaleiro deixa de ir ó carnaval... Moitos esperan todo o ano polo carnaval como pola misericordia. ¡E ben se ve no pobo!