«En contra do que moita xente cre, o noso obxectivo non era este»

A MARIÑA

CEDIDA

O Sporting Pontenova, ao que dirixe, é líder con sete puntos de vantaxe sobre o terceiro e o máximo favorito ao ascenso a 1.ªAutonómica

08 feb 2017 . Actualizado a las 20:24 h.

O Sporting Pontenova non dá tregua no grupo sexto de Segunda Autonómica. Neste novo arreón despois do tropezo na casa ante o Iberia, aló polo menos de novembro e que fixo albergar esperanzas aos seus perseguidores, o conxunto dirixido por Dani Moirón xa leva nove xornadas sen derrotas. Quedan só dez para o remate da competición e a súa vantaxe sobre os candidatos que están por detrás da fronteira do ascenso é de sete puntos. Sen embargo, o adestrador aínda non as ten todas consigo.

-Ten toda a pinta de que a vindeira tempada estarán na Primeira Autonómica.

-De momento só podemos dicir que o ascenso está ben encarrilado, pero por diante aínda temos un longo camiño que percorrer. Quedan 30 puntos en xogo, que son moitos, e nos tramos finais de liga todos os equipos apretan e as vitorias son máis caras.

-Xa contaban con isto, ¿ou non?

-Non. En contra do que moita xente cre, o noso obxectivo non era este. O plan inicial era o mesmo que os das últimas tempadas; isto é, salvar a categoría canto antes e seguir sacando chavales do equipo xuvenil. Coa fichaxe de Andrés Bouza empezaron a sinalarnos como favoritos. Non cabe dúbida de que nos deu un plus de calidade, pero o que moita xente non sabe é que temos un xuvenil de segundo ano que está sendo titular na maioría dos partidos e que o 50 por cento da plantilla saíu do equipo xuvenil.

-¿Que os levou ata tan arriba?

-O traballo e, sobre todo, o compromiso de todos e cada un dos xogadores que temos no equipo.

-¿Ten puntos débiles este Sporting Pontenova?

-Por desgraza si. O noso talón de Aquiles é a solvencia defensiva. Cústanos moito deixar a portería a cero a pesar de que estamos traballando arreo para arranxar este problema.

-Quédanlles dez partidos. ¿A cales lles ten máis respecto?

-Preocúpanme todos e dunha maneira especial as saídas aos campos do Pol e do Iberia.

-Por detrás hai montada unha boa pelexa. ¿Que cre que vai pasar?

-Está todo nun puño, pode pasar de todo. Nós témolo un pouquiño mellor, pero de momento non hai nada feito.

-Por certo, ¿como viviu ese polémico e mediático final do partido ante o Guitiriz?

-Non foi para tanto. Houbo una xogada polémica e protestas airadas por parte dos xogadores visitantes, nada máis. Eu quédome con que foi un partido ben disputado por parte de dous bos equipos.

-Xa leva uns cantos anos no Pontenova.

-Oito tempadas. No club cremos que a inmellorable situación actual é froito da aposta pola continuidade. Cada ano damos un pasiño adiante.

-¿Nunca pensou en cambiar de aires?

-Varias veces, pero por unhas razóns ou por outras, aquí sigo. Non obstante, todos o ciclos rematan e o meu no Pontenova tamén ten data de caducidade.