«É un orgullo representar a Foz nun novedoso concurso en Madrid Fusion»

María Cuadrado Fernández
m. cuadrado FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

O alumno focense tamén competirá a vindeira semana na capital de España no Concurso Inter-Escuelas

19 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Rivas Eiroá (Mañente-Foz, 1992) compaxina traballo e estudos na Escola de Hostalería de Foz, onde cursa segundo do ciclo medio de Servizos de Restauración. Ultima estes días os preparativos para participar como finalista en dous certames que se celebrarán a vindeira semana en Madrid: o primeiro Campeonato Milksology by Président Profesional, previsto para o día 24 no congreso Madrid Fusion e aberto a baristas profesionais e amateurs, e no primeiro Get Started Concurso Inter-Escuelas (Monin), fixado para o 25. A organización do primeiro traballa en impulsar a innovación en bebidas saudables a base de leite para hoteis, restaurantes e servizos de cátering. Iago Rivas xa tivo ocasión de participar noutros certames, como o XI Campionato Galego de Baristas de Pontevedra ou no Concurso de Ostras do Eo.

-¿Como afronta agora a participación nestes certames?

-No que respecta ao campionato de Président, para min é un orgullo representar como profesional á Escola de Hostalería e a Foz nun novedoso concurso que terá lugar no marco de Madrid Fusion. Somos seis finalistas e participarei na final preparando en directo dous combinados a base de espresso (orixe Costa Rica), Ron Botran (12 anos), sirope de toffee e leite Président en prensa ou cafetera francesa. No campionato de escolas seremos nove finalistas. Prepararei un cóctel sen alcol cun espresso, sirope de frambuesa, sirope de flor de violeta, xeo perla e auga de agulla de orixe magmático, e cunha receita con alcol a base de café feito en cafetera Aeropres, con sirope de mojito mint, ron Plantation (de Trinidad, Barbados e Jamaica). A orixe do café é un Costa Rica.

-¿Que vantaxes ten para un alumno de hostalería participar nestes concursos?

-Cada día a xente está máis interesada no traballo dos baristas, en ver cómo traballan. Estes son bos escenarios para demostrar cómo traballamos.

-¿A que lle gustaría dedicarse profesionalmente no futuro?

-Gustariame recorrer e traballar en diferentes puntos de España e tamén nos Estados Unidos e en Xapón. Neste país, sobre todo, pola excelencia do mundo da coctelería. No futuro gustariame ter o meu propio local e poder traballar tanto no mundo do café como no mundo da coctelería.

-¿Como prepara a súa participación nos concursos?

-Dedicando horas e tamén coa colaboración de compañeiros, aos que lles quero dar as grazas. Tamén estoulle moi agradecido a toda a escola.

-¿Como financia a súa participación?

-Salvo uns gastos que financia Monin, os gastos principais da viaxe, peaxes, aloxamento... págoos eu. Creo que unha pequena axuda da dirección do instituto non viría mal.