«Vou investir o premio en clases de reforzo para aprobar o curso»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Landim, estudante de Artes en Burela, premiado polo seu esforzo e superación persoal

18 ene 2017 . Actualizado a las 14:41 h.

Álex Landim Correia ten 19 anos e soña con que o seu futuro profesional esté ligado ao mundo da pintura. Polo de agora xa é protagonista por figurar entre os vinte rapaces e rapazas galegos que lograron o premio ao esforzo e á superación persoal nun concurso convocado pola Consellería de Educación. Ademais do recoñecemento da Xunta, Álex Landim tamén recibirá unha homenaxe moi especial no centro no que se matriculou cando chegou a Burela. Será o vindeiro día 24, ás 11.00 horas, na biblioteca do IES Perdouro. Procedente da Illa de Santiago (Cabo Verde), Álex arribou na localidade mariñá o 13 de xuño do 2014. Hoxe, é un exemplo de integración a través da música e das artes plásticas.

-¿Que lle parecen todos estes recoñecementos?

-Síntome moi afortunado. Teño outros amigos que levan tempo e non os recibiron.

-¿Cando soubo que figuraba entre os premiados pola consellería?

-O 23 de decembro souben que me deran o premio a través da dirección do instituto.

-Agora estuda o Bacharelato de Artes no IES Monte Castelo...

-Agora estudo primeiro curso dese bacharelato, pero antes estudie no instituto Perdouro. Cando cheguei a Burela, con 16 anos, matriculeime en cuarto da ESO, pero tiven que volver a terceiro porque non entendía ben a lingua.

-¿Con que idioma tiña problema?

-Resultábame complicado entender e falar ben o castelán. Co galego ben, resultábame familiar.

-¿Por que decidiu matricularse en Artes?

-Porque me gustan moito as manualidades, o debuxo, a pintura, calquera arte... Ademais de estudar tamén toco varios instrumentos musicais.

-¿Cales?

-Aprendo a tocar a gaita e tamén a lira, e ultimamente tamén a guitarra. Hoxe (por onte) teño clase coa banda de Dambara e Santo Inocencio.

-¿E a que lle gustaría dedicarse profesionalmente no futuro?

-Gustariame ser pintor.

-¿Cales son os seus pintores de referencia?

-Os meus preferidos son Pablo Picasso e Juan Gris. Gústame moito o cubismo.

-¿Xa tiña familia en Burela cando veu para A Mariña?

-Aqui xa estaban dous irmáns e meu pai.

-¿E resultoulle sinxelo integrarse en Burela?

-Nunca antes estivera e ao principio resultoume complicado.

-Concederónlle o premio polo seu esforzo e dedicación para afrontar dificultades persoais, educativas e socioculturais para superar os estudos de ESO. ¿Como levou os estudos?

-As clases de Bernardo [Penabade] axudáronme moito e logo tiven que estudar pola miña conta. Ía á biblioteca municipal desde as catro ata as seis. Ao principio, a miña vida era ir ao instituto, á biblioteca e para a casa. Agora si que estou moi contento.

-E, se lle queda tempo libre, ¿a que o dedica?

-Gústanme moito as manualidades con papel, con cartulina, con revistas... e agora vou aprender unha técnica con aluminio. Vaime ensinar un amigo meu. Eu ensinareille o que eu sei facer en manualidades e el a min ensinarame en aluminio.

-O premio concedido pola consellería ascende a uns 750 euros, ¿xa sabe en que o vai investir?

-Vou invertilo en clases particulares e de reforzo para poder aprobar este curso.

«Cando cheguei a Burela, a miña vida era ir ao instituto,

á biblioteca e para

a casa»

No seu blog, «Eu son Álex, coñecido como ‘O Gaiteiro’»

«Eu son Álex, coñecido como O Gaiteiro». Considérome un rapaz sinxelo e corrente. Gústame facer arte con papeis. Gústame xogar ao fútbol cos meus amigos e irmáns... E gústame a música». Asi se presenta Álex Landim no seu blog Todo o meu é teu. No IES Perdouro, onde preparan estes días os actos da homenaxe prevista para o día 24, non deixan de recoñecer o gran esforzo que fixo Álex cando chegou a Burela, onde «se atopou cun grande desfase no nivel educativo con referencia aos colegas da súa mesma idade, máis coas medidas de apoio escolares e extraescolares alcanzou o título de ESO en setembro do 2016». Repasan a súa involucración fóra das aulas; nas categorías inferiores da SD Burela, na asociación Dambara, participando en obradoiros de orientación coa asociación Karricanta...

Outros premiados

Antes de Álex, outros dous alumnos do IES Perdouro lograron este mesmo recoñecemento. No ano 2015 o premio foi para Diana Gonçalves Sanches, actual alumna do ciclo superior de Administración e Finanzas, e no 2016, para Andrés Quiroga Rivas, alumno de segundo de Bacharelato.