«Sofisticamos algo máis o espectáculo»

y. g.

A MARIÑA

. p. l.

Os dous humoristas mesturan a fala e o debuxo, no seu «Menú da Noite»

18 ene 2017 . Actualizado a las 14:52 h.

Este venres, día 20 • 21.00 horas • Auditorio Municipal • Venta anticipada de entradas, na Biblioteca Pública • Carlos Blanco e Luis Davila volven a xuntar os seus talentos respectivos. Xa o fixeron en Menú do Día e volven a Burela con outro espectáculo que non defraudará, Menú da Noite, este venres.

-Xa son case parella de feito sobre a escena, non?

-Case. Levamos tres anos facendo espectáculos e un ano antes ensaiando. Antes de estrear Menú do Día estivemos case un ano probando diferentes xeitos de combinar os nosos traballos. O complicado do que facemos son os tempos, pois hai unha enorme diferenza entre falar e debuxar, son velocidades distintas. Aí o complicado foi facelo tecnicamente. Neste Menú da Noite utilizamos material e cousas que no primeiro espectáculo non lles dimos coa solución. Agora si.

-Un espectáculo con «nocturnidade»... e «alevosía» tamén?

-Tamén. Si, en realidade é un espectáculo que é unha continuidade.

-Pero en que melloraron?

-Todo é distinto, completamente diferente. Creo que reflexionamos no feito de facelo, sofisticámolo un pouco máis. Neste fago o caldo en directo. En realidade é un xoguete no que durante hora e media intentamos que o público o pase en grande, e creo que o vamos conseguindo. Ademais, penso que a Burela chegamos coa actuación número 25, así que está moi testado. Achegarémonos a Viveiro máis adiante, o 18 de marzo. Non desbotaremos ir tamén a Ribadeo.

-Aquí xa son como da familia!

-Supoño que si. A xente coñece as viñetas de Davila pero outra cousa é velo debuxar en directo. Non sei se alguén foi á súa casa a Bueu a velo debuxar. Aquí van ver un Davila que non debuxa so viñetas, tamén hai un Davila pintor e algunha faceta máis... como cantar e bailar. Tanto no primeiro espectáculo coma neste tivemos un profe de baile que nos ensinou a facer as coreografías. Isto é o que nós chamamos o monólogo debuxado. Non coñezo outro monologuista que leve a alguén como Davila, que crea o que el crea. É un complemento visual moi potente para o espectáculo.