«Hai poucos beléns como o de Viveiro»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Onte abriu no casco histórico «Viveiro ante o berce», un dos atractivos do Nadal dentro e fóra da Mariña

07 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Viveiro ante o berce» é un dos grandes atractivos do Nadal dentro e fóra da Mariña. Cando visitamos a instalación dos arredores da igrexa de Santa María, aberta dende onte que foi inaugurada ata o 9 de xaneiro, estamos facéndoo no belén a tamaño natural máis grande de Galicia e nun dos máis elaborados de España, como cre o presidente da Asociación Amigos do Casco Histórico de Viveiro e escaparatista Jesús Atadell. O colectivo leva case dez anos con esta montaxe que é a súa principal actividade.

-Que novidades hai este ano?

-Hai cambio de ubicación e ampliación da zona do Rei Herodes e moitos postos novos do mercado como o secadoiro de bacallau.

-Estando a instalación á intemperie require máis mantemento.

-Continuamente. Hai que vir de vez en cando. Non nos gusta que se inaugure tan rápido porque cando cheguen as datas verdadeiramente importantes a montaxe «envellece». Tamén hai que ir limpar. Un dos problemas máis gordos é que aparecen bolsas de patacas, caxetiñas de tabaco... que se tiran no medio de cortiza en vez de usar a papeleira.

-Cantas figuras hai e canto tempa leva preparalas e colocalas?

-Non sei, entre 30 e 40. Penso que é o máis grande de Galicia de figuras a tamaño natural e a nivel nacional, que eu coñeza, hai poucos, tres ou catro. A montaxe lévanos arredor de quince días, falo da obra aquí no atrio. O que é preparar as cousas, moito máis.

-Lembra como empezou a historia de crear este berce?

-¡Como non! En principio parte da xente que está nesta historia e de min en concreto, xa que a miña profesión e escaparatista. As primeiras figuras xurdiron de cando faciamos o decorado de Nadal no Casino de Viveiro. Un ano arrancaron todo o papel do salón que estaba en mal estado e cos trozos grandes fixemos a San Xosé, a Virxe e un anxo. Ao ano seguinte pedíronnos dun centro comercial de A Coruña unha montaxe grande e aproveitamos para facer pastores, máis anxos... Aí empezou a familia do belén. Un ano no que fixemos unha cabalgata en Viveiro houbo unha montaxe nos xardíns que chamamos o número cero desta historia e outra vez chamounos o daquela presidente dos comerciantes do casco histórico para ver que idea podiamos dar déuselle outro empuxe. Despois ocorréuseme facelo en Santa María porque non había comercios preto... así, nin beneficiados nin prexudicados. E ademais, había que circular por medio Viveiro para chegar ata o belén.

-Está orgulloso desta creación.

-Si. Estou moi orgulloso do belén. É algo moi resultón e novo.

-Algunha figura ou escena que sexa a que máis lle guste.

-Unha señora que está sentada e sempre a poñemos cunhas xaulas. Téñolle un cariño especial, non sei que me lembra... Tamén me parece bastante ben feita a figura do Rei Melchor.

-Terían que documentarse para ver como era a xente e como vestía ou traballaba nesa época.

-Máis que nada son trucaxes de cabezas de maniquís, facéndolles a nariz típica dos xudeus e as faccións. Non intentamos copiar nada, porque senón sería unha obra faraónica. Este ano fixemos un secadoiro de bacallau e antes non tiña idea. Con Internet é verdade que é moito máis fácil.