Do pasado fuxidío

Eduardo Gutiérrez, Cronista Oficial de Ribadeo

A MARIÑA

05 dic 2016 . Actualizado a las 18:34 h.

Ocentenario da fundación das Irmandades da Fala, fixo rememorar as orixes do galeguismo, de xeito moi especial nos lugares onde existiron estas agrupacións, ou naqueles outros vencellados aos irmáns Villar Ponte. Ás veces hai quen pregunta en Ribadeo por tais antecedentes e, con todo, cremos que en mais dunha ocasión, ainda que de xeito parcial, nos ocupamos de aqueles acontecimentos. E ainda que pode que esta sexa unha boa ocasión para glosar as mencionadas referencias, imos renunciar ao relato sistemático, ainda que si centrarnos nalgún persoeiro, sequer lindante con aquel movimento, ou cos seus siareiros.

Francisco Lanza e Villar Ponte

Entre eles estivo Francisco Lanza, ainda que non temos constancia nen da sua afiliación, nen da existencia no noso concello dunha agrupación das Irmandades, por mais que La Comarca, da man de Lanza, publicara dados e textos relativos ao movimento. Cremos que a simpatía non foi máis aló do eido persoal e privado, mesmo sen cinxirnos a esta figura. Si existiu ese gromo limiar no caso do Partido Galeguista. Mais o periodista e historiador ribadense, sostivo durante tempo unha cordial e estreita amizade con Antón Villar Ponte, que foi a quen lle encargou o prólogo do Ribadeo antiguo. Por el sabemos que estivo na sua despedida, na Coruña, o mesmo día que embarcaba para Buenos Aires, o 11 de abril de 1931. Pois ben, falando do cruxol do aprezo, e aportando como proba a mesma emblemática obra, compre citar a Amando Suárez Couto, autor dos fermosos grabados en buxo do libro, e destinatario, xunto co seu irmán Carlos, da dedicatoria.

En relación co anterior, ocupémonos agora dunha opotunidade esvaecida. En 1970, o semanario La Comarca, publicou un número especial dedicado aos seus primeiros cincuenta anos, que se cumpriran realmente en outubro do anterior. Tivemos a oportunidade de colaborar na edición conmemorativa, e xulgamos axeitado requerir a colaboración de Amando Suárez Couto quen, efectivamente, entregounos un sucinto texto referido a unha das peripecias relativas ao enleado proceso para a publicación do Ribadeo antiguo.

Na Torre dos Moreno

A nosa intención orixinal era aproveitar para compor unha entrevista ao uso, ou cando menos, comezar unha simples conversa que facilitara unha indagación sobre o pasado; mais o retraimento propio dos poucos anos, frustou a manobra, ainda que si acadamos o que interpretamos como un acerto, un texto ao que xa aludimos. O diálogo tivo lugar no piso no que vivía o pintor, na Torre dos Moreno, ateigado de cadros e pinturas, nun decorado que abouxaba a un, como unha especie de síndrome de Stendhal. Iso tampouco axudou, pese á infunda amabilidade do pintor, da que xa sabiamos pola sua etapa como profesor.