«Se consegues arrancarlle un sorriso ao público telo no peto»

La Voz

A MARIÑA

.

Son un total de 15 actores os que hoxe subirán a escena en Viveiro coa obra chamada «Pánico!», de Clara Gayo

03 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, sábado • 20.30 horas • Teatro Pastor Díaz • Son 15 dos 19 que habitualmente a representan os actores que hoxe estarán no teatro viveirense para ofrecer a obra Pánico! e entre eles a viveirense Saleta Vázquez (Galdo-Viveiro, 1963), sendo esta a segunda vez que actúa no seu municipio natal.

-Cun título así, que parece que asusta, que diría para que atraese á xente a ver a obra?

-É unha comedia dende principio a fin pero sobre a situación na que estamos a vivir. Co que se ve pola tele, en realidade dáche pánico. O título buscámolo a veces entre todos, vótase e sae o que sae aínda que despois a obra vaia por outro lado. O único que da algo así de «pánico» sería a música do inicio... Pero non quero desvelar nada.

-Canto tempo leva en Farandoleiras Cabaré?

-Dende o 2011. Empezamos cun obradoiro que daba o Concello de Oleiros e a parte desa xente apetecíalle seguir e montamos o grupo.

-Un grupo bastante orixinal dentro do teatro amador.

-Para facer o típico teatro dunha obra cun guión a seguir de principio a fin temos moita xente. Somos 19. Estamos todos encima do escenario en algún momento, uns están máis, outros menos.

-Cal é o seu papel?

-De bailar non me toca porque aínda non acabei a carreira... pero estou en dous sketchs moi divertidos. Nun estou na cárcere con xente «coñecida» e noutro imos varios a unha vidente. Tamén hai unha escena de políticos sendo pequenos no cole. Hai máis cousas pero tedes que vir vela.

-Interactúan co público?

-O que máis se agradece é oír as risas da xente cando estás aí arriba. Se consegues arrancarlle un sorriso ao público telo no peto. Sobre todo da gusto oílos porque a xente aínda que o esteamos pasando ben somos moi comedidos en xeneral e dende o escenario non ves a cara que teñen. Bueno... a veces coa risa non te enteras do texto. Para iso está doña Clara Gayo, a directora, que ten unha mente prodixiosa.

Farandoleiras Cabaré recibiu o premio do público e á mellor actriz feminina no festival Lugrís Freire de Sada. Tamén levou o terceiro nunha mostra de teatro amador en Zas e acaban de estrear a obra en Ferrol, así como de participar noutra mostra, a do Carballiño.