A Pomba do Arco celebrará en Foz «A Festa da Palabra» cun concerto e recitais

La Voz FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Foi recuperada o pasado ano tras unha paréntese de 14 anos

09 nov 2016 . Actualizado a las 20:04 h.

A Asociación Socio Cultural A Pomba do Arco vai organizar o 14, 15 e 16 deste mes unha nova edición da Festa Palabra, encontro literario musical arredor da poesía. A Festa da Palabra, recuperada felizmente o pasado ano, após unha paréntese de 14 anos, celebrarase na salón de exposicións do Cenima de Foz.

Os actos arrancan este luns ás 20:30 no salón de exposicións do Cenima de Foz cun concerto de rock a cargo do grupo “Fran Amil e a tribo incomprensíbel”, que presentarán o seu disco “ A voz do vento”, libro CD que musica diversos poemas do poeta chairego Manuel María. «Arrancar este ano cun concerto sobre poemas de Manuel María non deixa de ser unha homenaxe a este autor, tan querido por nos, primeiro socio de honra da Asociación Cultural A Pomba do Arco», sinalan.

O martes 15 de novembro ás 20:30 no salón de exposicións do Cenima recitará os seus versos a poeta Marica Campo, persoa moi vinculada á Mariña de Lugo, onde residiu varios anos e onde exerceu como mestra. Marica Campo é autora dunha longa obra literaria, como narradora publicou títulos como «Confusión e morte de María Balteira» ou «Memoria para Xoana». Tamén é autora de poemarios que mereceron recoñecementos literarios como o premio de Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega ou o Fiz Vergara Vilariño, asemade as súas composicións foron musicadas por grupos como “Fuxan os Ventos” ou “A Quenlla”.

Os actos pecharanse o mércores 16 de Novembro ás 20:30 no Cenima co recital doutra persoa moi vinculada A Mariña, como é o xornalista Miguel Sande, Delegado de “La Voz de Galicia” na Mariña. Miguel Sande é autor de poesía, teatro, narrativa e ensaio; premio Calderón, premio Rafael Dieste, finalista do Premio Nacional de Teatro, premio Pedrón de Ouro, premio Repsol e este ano premio García Barros de novela con «A candidata», que sairá este mesmo mes publicada en Galaxia.