O cabalar das San Lucas

César Morán

A MARIÑA

21 oct 2016 . Actualizado a las 12:54 h.

Ben sabido é que Felipe de Amancia, ao facer o índice onomástico do Merlín, definiu Mondoñedo como “cidade de Galicia, sonada polos bispos e polo cabalar das San Lucas, i onde naceu o señor Cunqueiro, que puxo en formado istas historias. É rica en pan, en augas i en latín”. Así é que, entre os trazos esenciais da cidade está esa feira cabalar que se celebra desde hai máis de oitocentos anos, e faille compaña ao canto eclesial, ao pan da memoria, ás augas mananciais e ás palabras herdadas. Felipe non ten cabalo, que o seu é arrendar as cabalarías dos viaxeiros que van e vén polo camiño de Belvís, ou polo camiño real, mentres van ter co seu amo un parrafeio ou unha consulta, e mirar acaso se veñen mancados na mao ou nalgures. Cabalos principais chegan por veces a Miranda, dos que desmontan os máis ilustres e alertantes pasaxeiros. Mais Felipe tamén cabalga nunha besta ou mula máis discreta para ir procurar os moradores de baixoterra.

As San Lucas de Mondoñedo son o tropel de cabalos que de súbito irrompen na praza da catedral vindo dos montes de arredor. O viaxeiro está agora a contemplar o que son as pedras catedralícias, e de sotaque, por un intre, todo é un resoar das bestas que inzan a praza toda, e o cheiro montaraz revoa nas fachadas onde espella unha faísca que brinca nas laxes. Ninguén é quen de deter ese estrondo de vento tolo nen o arrouto selvaxe deste embate, porque é a hora dos cabalos. Nas San Lucas, polo outono, son as fondas humidades que anuncian a invernía, cando as follas amarelas se espallan e arremoíñan polas rúas da cidade, facendo no verso de Noriega esa ondeante manteliña verde. É entón cando se ouve a vaca do vento que muxe como un boi, ou é cando ?bortela que bortela? se pode moer o grao do vento.

Cando son as San Lucas hai cabalos diversos. Uns repousan mainamente na parte baixa da cidade. Outros reméxense inquedos e algo indómitos entre os feirantes por riba do campo dos Remedios. Algún deles lembra o “percherón” que pasara o vao do río Aulne, con aquel mozo tan ben parecido que ia namorado e levaba nos ollos a morte. Outros son máis ergueitos, como o Lionfante de Fantini, e outros fixéronse tan mansos que mesmo chegan a falar co seu amo. Iso foi o que lle aconteceu a Alberte Merlo, do que pode dar fe.

Polos camiños de Miranda vai a hoste cabalar en rebumbio de vento, e a máis diminuta crianza, recén nada, non sabe se vai ser a ledicia dun neno ou arrombada de vez no balbordo que pasa. É a hora enteira.

As San Lucas son o tropel de cabalos que de súbito irrompen na praza da catedral